Novidades musicais de marzo e abril
Continuamos coa nosa entrega mensual de novidades musicais viguesas, que esta vez inclúe rock, rap, indie, pop ou hardcore. Consulta outros artigos e entrevistas sobre música viguesa aquí.
ZALOMON GRASS
Segundo traballo do trío de cosmic rock local. Nesta ocasión é un filme experimental formado por catro cancións. O vídeo correu a cargo de DPK Prods.
FILLAS DE CASSANDRA
Proxecto de recente creación formado por MaríaSOA, pianista graduada en música e Sara Faro, estudiante de dirección escénica e dramatúrxica na ESADG
MALDITO MURPHY
A banda viguesa fixo un alto na súa xira para gravar o clásico de Jeanette ‘Por qué te vas’, un tema que habitúan tocar nos seus directos.
ISIUS
Tras varios adiantes, o terceiro disco do grupo indie Isius xa está dispoñible. Oito temas de son alegre e atemporal que combina power-pop e americana coas guitarras como protagonistas. Foi gravado por Paco Loco, un dos produtores con máis sona do Estado.
REBELIOM DO INFRAMUNDO + HARD GZ
Rebeliom do Inframundo e Hard Gz xúntanse para dar vida a unha das colaboracións máis esperadas do música rap feita en Galicia; unha mestura de rabia, potencia e crítica que acolle o rap hardcore que os caracteriza.
HIGH PAW + ORTIGA
Despois do adianto de ‘Non hai quen me ature’ sae o EP conxunto de High Paw e Ortiga, titulado Poiro e formado por tres temas en galego e unha bossa.
KYOTTO
Último single do artista urbano KYOTTO, de novo producido por SUSHIKING. Sorprende o uso de guitarras eléctricas e batería, afastándose das bases electrónicas como viña facendo con anterioridade para achegarse ao pop rock.
CARLA LOURDES
Segundo adianto dun EP conceptual de cinco cancións que terán como nexo o amor e as flores. Neste caso, as hortensias gardan un significado especial para a autora, cuxa nai adoitaba secar para decorar a casa.
CRÓ!
‘Diola gigante’ nace como unha homenaxe á banda pontevedresa diola (continuadores de Unicornibot) e fantasea coa chegada dunha onda xigante no medio dunha tourné mundial. O novo disco da banda viguesa sairá o 29 de abril e levará por título BUAH!. Presentarano o 6 de maio na Sala Mondo.
GRIMA + KAIXO
O dúo pontevedrés Grima colabora co vigués Kaixo no tema ‘Ácido’, que forma parte do seu segundo álbum A ver ahora.
YOUCANTHIDE
E falando de Kaixo, a súa banda Youcanthide, formada xunto aos Kings of the Beach, vén de presentar o primeiro adianto dun novo traballo que presentarán en 2022. ‘5 Eyes’ fala da presión mediática e social sobre unha xeración cara ao precipicio, onde todas as súas accións están prediseñadas polo algoritmo das redes sociais.
DANI
A artista viguesa dani colabora co francés Oscar Anton no seu tema ‘Homesick’ e no divertido videoclip filmado nas rúas de Madrid. O músico galo saltou á fama hai un par de anos grazas ao tema ‘nuits d’été’, que canta xunto á súa irmá Clementine. A comezos de abril tamén saíu ao mercado o novo disco de Joe Crepúsculo, onde a viguesa colabora no tema ‘Brindar’. dani prepara o lanzamento de Posdata, o seu segundo álbum.
SUSO VAAMONDE
Non se trata dunha novidade musical, pero si literaria. A Editorial Galaxia, da man de Fernando Fernández Rego, vén de publicar a biografía definitiva do cantautor galego, nado en Pontecaldelas pero moi vencellado a Vigo. Leva por título Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo e trátase dun volume en formato grande, cheo de fotos que repasan a vida e a obra dun músico excelente comprometido coa lingua e coa liberdade.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O máis lido de 2024 en A Movida - 24 Decembro, 2024
- Cafetería Turmalina - 17 Decembro, 2024
- Pepe Fernández - 17 Decembro, 2024
- Lotería Sagitario - 17 Decembro, 2024
- La Factoría - 17 Decembro, 2024