REVISTA ABRIL

Baixo e batería: Grima non precisa máis para facerte vibrar

O baixo e batería forman a parte rítmica das bandas tradicionais de música, xa sexa rock, pop ou jazz. A partir de aí, o normal é ir engadindo instrumentos, mais o dúo pontevedrés Grima debeu pensar que con iso era suficiente. Con esas dúas ferramentas son capaces de crear auténticos canonazos cargados de enerxía. Se queres desfrutar desta bomba musical en directo, este sábado 2 actúan xunto a Lady Banana (neste caso un dúo de guitarra e batería) na Sala Doppler. Podes mercar aquí as túas entradas.

Facundo e Laura durante a rodaxe dun videoclip | Galunk

Polo 2016 Facundo Pardo e Laura García frecuentaban os mesmos lugares, compartían facultade e escoitaban música similar, polo que foi cuestión de tempo que xuntasen as súas forzas para sacar adiante un proxecto conxunto. Este levou o nome de Grima, un potente dúo de baixo e batería no que comprimen baixo o seu propio estilo diferentes xéneros como grunge, punk, metal ou rock progresivo. “Un día decidimos ensaiar para probar e saíu moi ben, pasámolo de puta nai. Gústanme os grupos de formato pequeno, así que deixámolo así, non fai falta máis”, lembra Facu, o encargado das baquetas.

REVISTA ABRIL

Un dos locais nos que adoitaban coincidir era o Liceo Mutante, unha asociación cultural autoxestionada que leva en activo en Pontevedra desde 2011. Actualmente atópase nunha situación complicada, pois recibiron unha orde de cese de actividade por parte do Concello pontevedrés. “Para min o Liceo é un referente no tocante á maneira de facer e tratar a cultura en todos os seus ámbitos. Foi un gran sitio para coñecer, entender e facer a música que fago hoxe”, explica o artista.

The White Stripes ou Royal Blood son algúns dos dúos de rock máis famosos dos últimos tempos. En Galicia xurdiu hai oito anos Bala, un dos grandes referentes a nivel estatal neste estilo. Ademais de formato, ambas bandas comparten amizade, polo que Anxela e Violeta decidiron participar nun dos temas de A ver ahora, o segundo álbum de Grima. “Son unha xente marabillosa, tiñamos ganas de facer algo xuntos desde hai tempo. Son un referente para nós, oxalá chegar á metade do que estan a conseguir elas”, apostila Facu. Hai case un ano, Bala visitou o programa de La Resistencia, onde non perderon a oportunidade de recomendarlle a David Broncano a música dos seus colegas: “Houbo un subidón de reproduccións, foi bastante tolo. Eu estaba na casa tranquilo e comezaron a chegar moitísimas mensaxes” lembra con felicidade.

O outro artista que colabora no elepé é o vigués Kaixo, coñecido pola súa carreira no mundo da música urbana pero que desde hai un par de anos está a probar sorte no metal e hardcore con Youcanthide: “Pensamos que a colaboración ía fluir porque tiñamos gustos similares”, comenta Facu, quen recomenda tamén pasarse por Molotov, o novo local de Kaixo situado á beira de Santiago de Vigo. “Tiven a sorte de picar alí na inauguración e semella que vai ser un bo escaparate para todo tipo de artistas e conceptos”, opina.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.