Burrito’s Bar, viva México!
As pirámides de Chichén Itzá, os cenotes de Yucatán e a posibilidade de probar in situ a súa gastronomía son algúns dos puntos fortes que nos fan soñar cunha viaxe a México. Para isto último a sorte quixo que non sexa imprescindible coller un avión xa que en Vigo contamos con Burrito’s bar, un restaurante modesto de comida caseira inspirada no país dos mariachis que triunfa con preparacións caseiras e un coidado servizo a domicilio.
As tortillas en México non levan patacas nin ovos, senón fariña e auga e teñen forma de pan plano e redondo. Nestas tortillas Iria Docampo e Diego Fernández meten unha variedade de pratos típicos mexicanos, así como outras combinacións de creación propia.
Abriron Burrito’s Bar no 2015, cando o servicio a domicilio non estaba tan instaurado e triunfaron cos seus pratos caseiros, económicos, servidos en packaging reciclable de cartón e con atención personalizada, a pesar da distancia. “Chamabamos habitualmente aos clientes para coñecer a súa opinión e facer melloras”, comenta Docampo, galega namorada da gastronomía do país azteca, e pouco a pouco fixéronse cos primeiros postos de Tripadvisor en comida mexicana en Vigo.
A especialidade de Burrito’s é presentar pratos tradicionais mexicanos envoltos nunha tortilla. Deste xeito escapan do burrito tradicional, no que predominan o arroz e os feixós, pero ofrecen un produto con moito sabor a México, país de orixe de Diego Fernández, pero que resulta máis variado e saboroso e menos pesado. Na oferta están o burrito de enchilada, de ovos rancheiros, de tostada de pollo, de mollete…que comparten carta con outros máis singulares, como o Thai, o Genovés ou o Kyoto. Todos eles creacións da parella e divididos entre quentes e temperados.
Ninguén marcha de aquísen probar un burrito, pero non son o único que atopamos na carta. Outro dos pratos máis pedidos deste local está na sección de entrantes, os nachos. Crocantes triángulos de millo coroados con guacamole, salsa de queixo e chili con carne, todo caseiro e con opción a facelos vexetarianos ou veganos. Tamén se poden pedir como entrantes as quesadillas, tortillas recheas de queixo, e as flautas de tinga de polo.
O punto doce póñeno as chimichangas, un pequeno burrito fritido que adoita ser salgado, pero que Iria e Diego levan ao terreo das sobremesas reenchéndoo con crema de cacao ou cajeta, un doce de leite aromárico típico en México. Para beber podemos elixir unha cervexa de importación, un tequila ou un vaso de auga de sabor, refrescos caseiros feitos con polpa de froita e azucre que abundan nos postos de rúa dos países centroamericanos.
O menú inclúe ademais moitas opcións para persoas veganas e vexetarianas. “A nosa variedade fai que poidas vir en grupo e sempre haxa unha opción para cada comensal, mesmo se non che gusta a comida mexicana”, aclara a dona con satisfacción. Precisamente como parte desa filosofía de xuntar a cantos máis mellor arredor dunha boa comida,ata o 30 de abril contan con promocións especiais para desfrutar en grupos de dúas, catro e seis persoas. Podes consultalas nas súas redes sociais.
Burrito’s Bar
Rúa de Bolivia, 34
Web: http://www.burritosbar.es
Facebook: Burritos Bar Vigo
Instagram: @burritosvigo
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024