Teresa Moro invítanos a ser voyeurs dos grandes pintores
O Efecto Reliquia, a nova exposición de Teresa Moro no Museo Marco, invítanos a coñecer aos grandes pintores das últimas décadas a través do seus estudios e ferramentas de traballo. Un conxunto de pinturas elegantes, cheas de vida e sutileza, forman unha mostra que estará dispoñible no primeiro andar do edificio ata o 1 de maio.
Imaxina poder entrar aos estudios onde Georgia O’Keeffe, Joan Miró, Pablo Picasso, Francis Bacon ou Joaquín Sorolla crearon a súa arte. Algúns ordenados, outros caóticos, pero todos cheos de ferramentas e accesorios que axudaron a desenrolar o seu talento. Como boa voyeur, a madrileña Teresa Moro captura estes instantes nas súas pinturas, que agora se expoñen no Marco baixo o nome de O Efecto Reliquia.
Este curioso efecto é, para a artista, aquela emoción que esperta nela cando cre atoparse ante un obxecto que puidese ter pertencido ou ter sido utilizado por un artista, actual ou pasado, a quen ela admira. Algúns deles están relacionados co traballo (pinceis, paletas, caballetes, tubos de pintura…), mais outros son de uso cotián (gafas, camas, roupa…).
Teresa Moro concibiu este proxecto como un traslado do ritual diario do estudio á sala de exposición, como un convite ao público para compartir os segredos do culto á pintura. Unha disciplina que, segundo a autora, é un acto de resistencia na actualidade. Os fondos neutros que utiliza na maioría das súas pezas conseguen destacar aínda máis estas escenas, que se sitúan nas paredes do museo case como altares nun santuario. Un xeito de render tributo aos mestres, e de proclamar que non se concibe a práctica artística separada da vida. Toda unha reivindicación da creación como experiencia artística.
A maiores dos horarios habituais do centro, haberá visitas guiadas todos os días ás 18:00. Tamén haberá obradoiros infantís as fins de semana a partir do 15 de xaneiro e programación para escolares. Para máis información cómpre escribir a comunicacion@marcovigo.com ou recepcion.marco@gmail.com ou chamar ao 986113900 ou ao 986113908.