O Festival de Cans abre o prazo de inscrición de obras
O Festival de Cans acaba de abrir o prazo de inscrición de pezas audiovisuais para concursar no certame, que se celebrará entre o 18 ao 21 de maio no pobo de Cans (O Porriño). O festival anuncia ademáis un incremento do seu presuposto para premios, que ascende a 10.000 €
Desde hoxe e ata o 6 de marzo o festival do agroglamour ten aberto o prazo para o envío de obras audiovisuais. As obras que se poderán inscribir para concursar na XIX edición do Festival de Cans serán curtametraxes, videoclips, webseries, documentais ou filmes de ficción e animación, realizados entre os anos 2021 e 2022, e onde primará a selección de obras que sexan estreas. As obras que non entren na competición o oficial, serán valoradas polo comité de selección para integrar algunhas das varias seccións paralelas que terá o certame.
Os creadoresde obras audiovisuais que desexen ver a súa peza proxectada nalgúns dos baixos e galpóns do orixinal certame poden inscribirse na web www.festivaldecans.gal de xeito gratuito, ata o 6 de marzo, data na que rematará o prazo.
Por primeira vez na súa historia, o certame rebasará os 10.000 euros en premios, que destinará a recompensar as curtas premiadas nas diversas categorías a concurso. En concreto serán 10.100 euros, aumentando as dotacións nas categorías Furacáns, destinada ás obras de non ficción, e de Novas Camadas, destinada ás creadoras e creadores mais novos, que teñan 25 anos ou menos e naceran de 1997 en diante. Estas dúas seccións son as que máis medraron nas dúas últimas edicións.
O Festival dos chimpíns volverá celebrarse este ano na primavera, durante o mes de maio, como fixo ata a irrupción da pandemia e coincidindo co prestixioso certame de Cannes. Terá lugar entre o 18 e o 21 de maio.