VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Xavier Valiño: “Non sei se hoxe en día habería alguén disposto a financiar un documental sobre Triángulo de Amor Bizarro”

O cine e a música son as dúas grandes paixóns do xornalista galego Xavier Valiño, que vén de publicar hai ben pouco Las 100 mejores películas del rock (Ediciones Efe Eme), un repaso ameno e concienzudo por un centenar de filmes de ficción que teñen na música a súa gran protagonista. Falamos con el sobre esta obra que promete ser un agasallo de Nadal perfecto para calquera melómano ou cinéfilo.

Xavier Valiño | Foto: Marika de Jong

Xavier Valiño, xornalista cultural orixinario de Cospeito, Lugo, ten unha ampla bagaxe no referente á escrita de libros musicais. Nas últimas décadas encheu páxinas e páxinas sobre rock bravú, Golpes Bajos, a censura musical durante o Franquismo ou as portadas de discos máis famosas. Con todo, a xénese de Las 100 mejores películas del rock xurde tras ler a primeira biografía en castelán da banda Prefab Sprout, tamén de Ediciones Efe Eme e obra do seu amigo Carlos Pérez de Ziriza: “Entre os dous fixeramos un artigo moi longo sobre a banda e a min non se me ocurrira continuar adiante coa idea, pero parece que a el si”, lembra. Xusto ese día vira Ma Rainey’s Black Bottom (2020), de George C. Wolfe, o último filme que aparece descrito no libro que nese instante decidiu comezar a escribir: “Estas cousas nacen por impulsos e a cabeza empeza a encherse de ideas a borbotóns, así que tiña que poñerme a facelo xa”, explica.

Se a publicación do seu colega viu a luz en marzo do 2021 e a súa no pasado mes de novembro, de onde sacou o tempo para ver tanto filme? “Decidín volver visionar todas as películas que xa vira. O plan foi moi estricto: todas as noites, entre as 20h e as 23h, ver un deses filmes e tomar algunhas notas, e á tarde seguinte escribir ese capítulo. Entreguei o libro acabado en xullo, polo que foron algo menos de catro meses” conta como querendo quitarse mérito, pero co orgullo de ter realizado un bo traballo. E non e para menos: a través de 250 páxinas repasa 70 anos de cinema e series musicais, deixando fóra da selección documentais e concertos filmados. Malia ter a palabra rock no título, Valiño abrangue na súa listaxe xéneros do máis variados: jazz, folk, soul, hip hop, country, blues, punk, pop…

Nas súas páxinas atopamos numerosas caras coñecidas, como poden ser Elvis Presley, The Beatles ou os Blues Brothers, mais o autor raspa na superficie ata chegar a obras menos coñecidas e non por iso menos interesantes: Sound of metal (2021), Blaze (2018), Nico, 1998 (2017) ou Scott Pilgrim contra el mundo (2010), por exemplo. Valiño non atopa tanta diferencia entre reseñar filmes e discos, actividade á que tamén está máis que habituado: “Os espazos que me dan en prensa para reseñar discos a día de hoxe son máis limitados, polo que aquí tiña máis amplitude. Intentei condensar o importante de cada filme: un resumo do argumento, algunhas liñas de diálogo e unha pequena valoración falando dos seus méritos, creatividade, apartado técnico… sen intención de soar pedante”, xustifica o lucense.

Aínda que Estados Unidos e Gran Bretaña copan a lista, tamén atopamos ficcións doutros países como Irlanda, Polonia, Canadá, Francia, Xamaica, Suecia, Rusia, Alemaña ou Italia. Como explica na introducción, decidiu xunto coa editorial deixar a produción española para outro posible título, aínda que certamente o vai ter difícil para chegar a 100, ou mesmo a 50 filmes: “Igual sumando ficción e documental chegariamos a medio centenar, pero non todas as películas serían tan marabillosas como para merecer un capítulo nun libro”. As razón para esta ausencia de cinema musical tanto en España como en Galicia? “Primeiro, o rock n roll [incluímos blues, jazz, country…] non naceu aquí, polo que nós imos detrás de quen realmente empezou esta historia, que é a cultura anglosaxona. E segundo, porque para facer unha película fai falla un produtor detrás, e non sei se eu hoxe propoño facer un documental de Triángulo de Amor Bizarro habería alguén disposto a financiar iso”, expón o autor.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.