CAMELIAS MASCOTAS

Rodrigo Cortés: “‘Buried’ é unha comedia sobre alguén tratando de cambiar de compañía telefónica”

O cineasta e novelista Rodrigo Cortés paséase estes días por Galicia, como parte da xira de presentación do seu último traballo impreso Los años extraordinarios, unha novela que xa foi clasificada con tantos adxectivos que o mellor é lela sen ningunha categoría na cabeza, desfrutando da historia vital do seu protagonista como el desfruta da súa propia vida “sen pensar, nin xulgar”.

Cortés coa súa última novela onte en Vigo | P. Cermeño

“Unha cousa boa de Los años extraordinarios é que leas o que leas por aí nunca vai ser suficiente spoiler e sempre vai lograr sorprenderte”, sentencia Rodrigo Cortés. E coa conciencia tranquila e o permiso implícito nesta afirmación desvelamos que se trata dunha novela pouco común, as memorias inventadas dun señor de Salamanca durante o século pasado que vive nunha realidade na que os vehículos se moven co pensamento e España turna períodos de monarquía e república, participa dos acontecementos históricos de Alemaña ou Francia e todo isto o fai sen opinar en exceso.

“Aceptaba calquera idea por irracional que fose a súa orixe, as deformaba e intentaba buscarlles un significado ou, polo menos, unha saída”. É precisamente neste proceso deformación da realidade cando xorden para Cortés os discursos máis interesantes. “A cotidianeidade convértenos en cegos funcionais da realidade, pero cando esaxeras un aspecto es capaz de atopar o ángulo desde o que abordalo”. Malia ser unha historia chea de matices e lecturas Cortés asegura que non hai nada nin remotamente parecido a unha crítica ou unha moralexa na súa novela, que foi escrita “abrazando o absurdo con naturalidade”.

REVISTA NOVEMBRO

O resultado foi sorprendente tamén para o propio autor, que confesa que empezou a escribir Los años extraordinarios case por casualidade e no peor momento “unha noite durante a montaxe de Blackwood“. Cortés recoñece que empezou a escribir “sen brúxula, nin propósito”, sen coñecer a historia nin ao personaxe, de quen descubriu o nome na liña sete mentres tecleaba Jaime Fangul no seu ordenador. Tamén na primeira páxina destapou que, nalgún momento desta novela de aventuras, debería incluír un capítulo no que o mar chegase a Salamanca e trouxese aos seus habitantes o xúbilo dunha cidade costeira e moreas de cadáveres. Nin este nin outros episodios son xulgados en ningún momento por Fangul, que acepta os acontecementos como lle son dados.

A linguaxe literaria de Cortés é unha das cousas nas que un primeiro se fixa cando abre esta novela. Un ton moi diferente ao que estamos afeitos a ver no Rodrigo director de cine. De feito confirma que trata as súas dúas ocupacións como mundos diferentes “que requiren vestir gorras diferentes”. Na literatura, a historia recae únicamente na palabra. Non hay movementos visibles, miradas cómplices entre personaxes, nin encadres arrebatadores. Só palabras. Neste caso dun único narrador, o protagonista, cun xeito moi particular de filtrar a realidade a través do seu cerebro.

No estilo literario de Los años extraordinarios está a súa verdadeira esencia. A linguaxe que utiliza Cortés é elaborada, as veces preciosista e alixerada con moito humor, implícito no xeito de ver o mundo de Fangul. Para Rodrigo o xeito de falar do protagonista ten moito de retranca galega, terra na que el naceu “por mandato materno”, pero na que nunca viviu. Nas palabra de Fangul sempre cabe a dúbida de se o discurso era gracioso a propósito ou os estamos interpretando do xeito correcto.“O humor é fundamental e transversal a todo o que fago”, conta o escritor que afirma que neste sentido a novela non dista en exceso das súas películas, aparentemente máis solemnes. Concursante está chea de humor envenenado e, no fondo, Buried é unha comedia sobre alguén tratando de cambiar de compañía telefónica”. Queda pendente preguntar a Ryan Reynolds se pensaba o mesmo mentres permanecía pechado nun ataúde baixo terra.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.