Gonzalo Suárez debuta cun documental sobre a súa propia historia
O director do Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF), Gonzalo Suárez, estreou o pasado outubro o seu documental A cero.5 na SEMINCI, a Semana Internacional de Cinema de Valladolid. Nesta longametraxe fala do accidente que o deixou en cadeira de rodas e do baloncesto, o fío conductor do filme. Charlamos con el días antes do debut. Agora o documental pode verse en Filmin.
“Gonzalo Suárez Garayo quere ser director de cinema. En novembro de 2006 a súa vida párase. E comeza a historia da súa longametraxe”. Así empeza a sinopse de A cero.5, un documental que terá a súa estrea este sábado 23 na SEMINCI vallisoletana: “Vai ser unha toma de contacto para ver como respira a película, pero a súa estrea non será ata 2022”, comenta o director.
Poucos días despois do accidente, Gonzalo xa tiña este proxecto na súa cabeza, que se dilatou no tempo ata o 2017. “Antes de 2006 eu facía curtametraxes de ficción e quería dirixir. Despois da lesión medular decidín filmar este documental para intentar sacar algo positivo desta merda e rexistrar todo o proceso dun modo distinto”, lembra Gonzalo.
Empeza a practicar baloncesto en cadeira de rodas para non estar só, para seguir a súa rehabilitación que o Estado dá por acabada, e para que a súa película avance. E aí cando se cruza no seu camiño o Amfiv, o famoso equipo vigués de basket adptado: “Comecei a adestrar e a convivir con eles e desta maneira empezaron a formar parte da miña historia. Seguinos durante dúas tempadas (2009 e 2017) con oito anos diferenza entre ambas”, explica Suárez.
No equipo técnico vemos nomes coñecidos do cinema local como son Paula Cons no guion e Noemi Chantada na fotografía, ambas participantes tamén en diferentes edicións do VIIFF: “Xa as coñecía de antes da súa participación no Festival, pero non tan intimamente. Levan uns catro anos traballando comigo na película”, indica o realizador, quen pretende presentar o filme en diferentes festivais antes da súa estrea en Vigo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024