VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

A Xunta contribúe ao financiamento de 14 festivais de cinema e 21 salas

A Xunta de Galicia resolveu as convocatorias de subvencións destinadas aos festivais galegos do sector audiovisual, nas contribúe ao financiamento de 14 encontros, e das salas de cinema, que suman un total de 21 locais en 13 localidades. Entre os festivais atopamos o Primavera do Cine, o Galician Freaky Film Festival, o Festival de Cine Inclusivo, o Festival de Cans e o Play-Doc.

Edición de 2019 do GFFF | P. Cermeño

A Xunta de Galicia resolveu a convocatoria de subvencións destinadas aos festivais galegos do sector audiovisual, pola que este ano se contribúe ao financiamento de 14 encontros, entre os que se distribúen os 200.000 euros da dotación para 2021 desta liña de axudas que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). 

Os beneficiarios son o Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (36.930,96 euros), Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela (36.240,05 euros), (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (29.624,56 euros), Festival de Cans de Curtametraxes, no Porriño, (28.419,73 euros), Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (16.984,10 euros), Festival Carballo Interplay (14.584,09 euros), Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (9.949,08 euros), 43ª Semana de Cine de Lugo (7.350,09 euros), Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, na Coruña, (7.042,72 euros), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, (5.171,44 euros), 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Verín (3.220,89 euros) e mais os eventos que se celebran en Vigo VI Festival de Cine Inclusivo (2.239,77 euros), Festival Primavera do Cine (1.376,07 euros) e Galician Freaky Film Festival (866,45 euros). 

En canto ás axudas para as salas de cinema, a adxudicación de preto de 240.000 euros beneficia a 15 empresas para o desenvolvemento de proxectos en 21 salas de cine de 13 localidades. Dáselle así resposta á totalidade das propostas e contías solicitadas no marco desta nova medida, consensuada co sector, que busca contribuír á viabilidade deste tipo de espazos e reducir o impacto da crise sanitaria na súa actividade.

Os espazos de exhibición beneficiarios son os Cines Avenida de Caldas de Reis, Cantones Cine, Cinesa Marineda e Cines Yelmo Espacio Coruña e Los Rosales da Coruña; Dúplex de Ferrol, Codex Cinema e Cines Cristal de Lugo, Cines Pontevella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra; Cines Ribadeo, Numax e Cinesa As Cancelas de Santiago de Compostela; Cines Salesianos, Gran Vía, Praza Elíptica e Yelmo de Vigo; Cines Gran Arousa de Vilagarcía; Cines Viveiro e Cine Gesma de Xinzo de Limia e Minicines Central da Estrada.