REVISTA MARZO

A Xunta promove Galicia como destino turístico seguro tamén en outono

O goberno autonómico mantén activas varias liñas de reactivación do sector turístico en outono coa vista posta no turismo nacional e interno.

Nun ano tan atípico e complexo como o que estamos a vivir, Galicia está a demostrar este verán que é quen de resistir mellor que o conxunto de España o forte impacto da crise sanitaria da covid-19 no turismo.A Comunidade recibiu preto de 400.000 viaxeiros en xullo, e lugares como a Ribeira Sacra obtiveron rexistros 44 puntos superior á media española, segundo os datos facilitados polo INE. De feito, a demanda caeu neste destino un 29% fronte so 73% no resto de España. A caída do 86% do turismo internacional viuse compensada coa presenza de viaxeiros nacionais, que gañan peso. De feito, o 98% da demanda correspondeu a este mercado.

Agora, e con vistas ao outono o sector e a Xunta continúan a folla de ruta marcada nos últimos meses para seguir impulsando a supervivencia das empresas turísticas e incentivar o consumo tamén neste último trimestre. Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade. En concreto, estanse a deseñar novos productos e experiencias e a adaptar formatos, nun momento de enorme dificultade como no que nos atopamos. Trabállase tamén para impulsar a dixitalización, por exemplo, do turismo rural a través dunha nova plataforma de comercialización para facilitar as reservas online. Incentivaranse tamén as largas estadías neste tipo de establecementos agasallando experiencias turísticas complementarias en xeodestinos ou ciudades galegas. Tamén se vai reforzar este ano o papel do turismo enogastronómico, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos viños de Galicia e está en marcha o Bono Turístico, que supón unha inxección de 5 millóns de euros nas empesas turísticas e permitirá fomentar o turismo interno nos últimos meses do ano.

Foron xa máis de 15.000 os empregados dos sectores sanitarios e sociosanitario que traballaron en primeira liña na loita contra a covid-19 os que solicitaron o bono turístico, que e o poden empregar ata decembro nas máis de 400 empresas adheridas.

Camiño Seguro

O Camiño de Santiago, que durante o verán comezou tamén a súa progresiva reactivación, tamén será clave no novo escenario. Entre xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos, é dicir, un total de 26.324. Son síntomas de que a Ruta Xacobea continúa espertando interese e contribúe á reactivación económica e emocional de Galicia. Por iso, de cara ao outono segue en marcha a batería de medidas que están facendo posible esta reactivación no marco do programa Camiño Seguro e se está a realizar un traballo conxunto en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) con materiais de recomendacións e prevención.
Están a ter boa acollida outras iniciativas como a nova plataforma online que permite reservar praza nos albergues públicos para dar maiores garantías aos peregrinos. Posta en marcha o pasado 1 de xullo, xa é empregada por seis de cada 10 peregrinos que fan uso dos albergues públicos.

Gastronomía e natureza

Un ano máis, dáse continuidade estes meses tamén ao Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e combinar con experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, unha campaña que xa está aberta. Tamén se estrea o programa Elixe Galicia, a primeira edición desta iniciativa dirixida a mozos, familias e maiores con viaxes no que participarán máis de 4.300 persoas que poderán desfrutar en estadías en zonas costeiras, rutas de patrimonio cultural, rutas de natureza e estadías en balnearios.

Banner A Movidiña

Congresos anti covid-19

O turismo de congresos tamén poderá vivir a súa reactivación nestes últimos meses do ano. A Xunta xa puxo a disposición do sector un novo plató virtual para a celebración deste tipo de eventos que permite complementar esta opción coa presenza de asistentes con aforo reducido e adaptado á situación sanitaria. A semana pasada celebrouse o primeiro evento nestas instalacións, o Congreso Internacional de Intelixencia Artificial, e hai unha vintena de solicitantes para celebrar eventos nos vindeiros meses. Situado na Cidade da Cultura de Galicia, o estudo é un dos compromisos coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia ao abeiro do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico. Ten dous sets que simulan un estudo de televisión, onde se poden celebrar eventos presenciais, virtuais ou híbridos. Cóntase con canle de streaming de ata 1.000 asistentes e poden realizarse videoconferencias con capacidade de ata 500 asistentes.

En definitiva, Galicia e o Camiño de Santiago continúan en outono co obxectivo de preservar o emprego, reactivar a economía ofrecendo a posibilidade de seguir desfrutando dun turismo tranquilo e hospitalario, un turismo que busca o contacto co territorio, tan necesario nestes días.