CAMELIAS MASCOTAS

Lina Rodrigues e Raül Refree presentan o fado como nunca antes o escoitaras

O Festival Underfest xa está aquí, e faino cunha coidada programación que abrangue diferentes estilos e espazos da cidade. Unha destas propostas é a que ofrecerán a cantante portuguesa Lina Rodrigues e o produtor catalán Raül Refree o sábado ás 19:00 no Teatro Salesianos. Tradición e modernidade irán dan man nun recital que nos mostrará o fado como nunca antes o víramos. Aproveitamos a ocasión para falar con Lina sobre este ilusionante proxecto. Merca aquí as túas entradas.

Hai poucos produtores con máis sona nos últimos anos que Raül Refree. Baixo os seus mandos estiveron artistas do nivel de Kiko Veneno, Rosalía, C Tangana, Silvia Pérez Cruz, Rodrigo Cuevas ou Rocío Márquez. Todos eles teñen algo en común máis alá de ter colaborado co músico catalán: o seu gusto pola música tradicional e folclórica. Tanto ten se é flamenco, cançó, canción tradicional asturiana, copla, pasodoble… Raül pode converter en moderna ata a vaixela Duralex da túa avoa.

O fado, pois, era cuestión de tempo: “Eu coñecía a Raül polos seus traballos con Silvia Pérez Cruz e Rosalía, polo que a miña manager chamouno para proporlle adaptar o fado á súa visión innovadora. Tivemos sorte de que collera o teléfono, porque é un home que non acostuma coller as chamadas se non coñece o número” recorda Lina. Así naceu o proxecto e o disco Lina_Raul Refree, unha reinterpretación actual e elegante do xénero luso por excelencia e xeral e do cancioneiro de Amália Rodrigues en particular.

REVISTA NOVEMBRO

Esta conexión foi inmediata, pois un día Raül foi oíla cantar ao club de fado no que ela acostumba actuar, en Lisboa, e ao día seguinte xa estaban no estudio traballando: “Hai músicos que poden ser moi bos pero cos que non tes esa conexión necesaria para traballar xuntos. Afortunadamente nós si que a tivemos e desfrutamos moito de compartir escenario xuntos”, relata a cantante. O que máis lle gusta de traballar con el, confesa, é a forma na que entende a súa voz, ás súas respiracións, as súas intencións: “Consegue facer que me sinta libre cando canto”, resume.

Esta proposta ibérica está a traspasar fronteiras: Noruega, Eslovenia, Dinamarca, Austria ou Hungría xa cataron este produto gourmet de sabor atlántico. “É marabilloso levar o fado por tantos lugares, estamos a ter experiencias moi boas. Nós sentimos a enerxía dun público que é moi diferente do que ten o fado tradicional. Son persoas que buscan algo diferente, inspirador e que chame a atención ao noso propio interior” explica a cantante lusa.

A diferenza doutras propostas rompedoras, que adoitan ter críticas negativas por parte dos puristas (véxase o primeiro disco de Rosalía), este traballo está a gozar de boa aceptación, segundo Lina. Mesmo gañaron un galardón na primeira edición dos Premios Carlos do Carmo, creado pola Sociedade Portuguesa de Autores. Como se di en Portugal: “primeiro estranha-se depois entranha-se”.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.