13 grados ofrece rutas submarinas aos visitantes de Cíes sen necesidade de mollarse
Onte comezaron nas Illas Cíes as actividades ‘Roteiros Interpretativos Submarinos’ e ‘Un paseo baixo o mar’ que, grazas ao uso de novas tecnoloxías como ROVs (drons submarinos), permitirán ás persoas visitantes descubrir as paisaxes e vida que se ocultan alén da superficie sen necesidade de meterse na auga.
No que queda de mes de agosto os visitantes ás Illas Cíes poderán descubrir os fondos mariños das Cíes coa proposta de 13 grados. De xoves a domingo en tres horarios diferentes (ás 10:30, 12:30 e 13:30) poderán participar dos Roteiros Interpretativos Submarinos, que mergullarán ás persoas visitantes alén da superficie grazas a unhas lentes de realidade
virtual que emiten en directo as imaxes captadas por un dron submarino. Á noitiña será a quenda da actividade Un Paseo Baixo o Mar, proxeccións e experiencias de visualización virtual dos fondos submarinos aptas para todos os públicos que terán lugar a partir das 22:00 horas. A realización das actividades serán gratuítas, só é necesario inscribirse o mesmo día na caseta de información do parque.
13 grados é unha cooperativa galega que pretende dar a coñecer e promover a conservación do medio mariño das Rías Baixas. A través destas actividades queren achegar aos visitantes das Cíes unha parte do Parque Nacional á que a maioría das veces non teñen acceso. A pesar de telo tan preto o mar é un gran descoñecido e a súa visita queda restrinxida á práctica de actividades como o mergullo ou o esnórquel, facendo que a maioría de persoas que visitan o Parque, pasen polas illas sen poder admirar o seu verdadeiro tesouro, o territorio mergullado (que supón o 86% da superficie protexida). Con estes paseos ábrese a posibilidade de percorrer o mundo mergullado das Illas.