A segunda vida de Mundo Prestigio
Despois de moitos anos como Jay, a banda viguesa decidiu en 2019 comezar unha nova etapa baixo o nome de Mundo Prestigio. A súa denominación non foi o único que mudou: pasaron dun rock guitarreiro e ruidoso a un hip hop ecléctico cargado de colaboracións. Varios meses despois de ser galardoados co segundo premio nos Xuventude Crea ( a convocatoria deste ano está aberta ata o 20 deste mes), falamos con Fernando Areal, que estará co resto da branda presentando a súa nova música o venres 27 en Radar Estudios.
En 1993 o célebre músico Prince decidiu cambiar o seu nome artístico por un símbolo impronunciable, polo que os medios e o público comezaron a chamalo como “o artista anteriormente coñecido como Prince”. Algunhas persoas, supoñemos que bastantes menos, tamén puideron pensar algo parecido en 2019 co nacemento de Mundo Prestigio, ou “os artistas anteriormente coñecidos como Jay”, mais poucas semellanzas imos atopar respecto ao seu anterior proxecto, agás os seus membros: Julian López (Ju), Brais Rodríguez, Fiz García e Fernando Areal (Fer). “Foron varios factores: non só foi polo cambio de estilo, senón que pensabamos que un novo proxecto darianos unha inxección de motivación que nese momento nos facía falta”, comenta este último. Admite tamén que sentían como Jay estaba pouco a pouco a esmorecer, tanto para eles como para o público: “Ves que o interese vai caíndo, que o último disco non chamaba tanto a atención como o segundo… mellor crear unha banda nova que sacar un cuarto disco cunha que leva sete anos dando a chapa“.
Este derradeiro álbum que menciona Fer, Fuimos nosotros (2017), xa adiantaba un sons menos guitarreiros e distorsionados, tan habituais nos seus anteriores traballos: “Démonos conta de que iamos en outra dirección e á xente comezaba a chocarlle. Cando tocamos no SonicBlast de Moledo (Portugal) todo o público ía con camisetas negras e moi abrigados e nós chegamos en bañador e camisetas rosas. Aí decatámonos de que estabamos vendendo unha película que xa ninguén quería ver“, lembra Fer.
Así contado semella unha historia un tanto triste, pero nin moito menos. Mundo Prestigio leva dous anos ben prolíficos: dous EP (máis un terceiro que sairá para o mes) e tres singles. A súa música soa fresca, divertida, diferente, actual e está cargada de colaboracións: Nuno de Grande Amore, Guille de Bifannah, Cibrán de Boyanka Kostova, Ortiga ou mariagrep, quen actuou na última edición do Festival Sinsal. Esta evolución pode lembrar á de Damon Albarn, coñecido por ser o líder da banda británica Blur, quen a finais do século pasado creou Gorillaz, un proxecto de hip hop e indie pop repleto de featurings. “Tivemos un momento de madurez musical no que nos decatamos de que o rock non era todo o que podía facer a xente nova, que podiamos probar co hip hop aínda que infundise moito respecto”, explica o músico.
Ademais de Jay, os membros de Mundo Prestigio formaron ou forman parte doutras bandas como Tulip, Dois, Seda, Disco las palmeras! ou Elvis negro. “Se xuntas aos membros de todas esas bandas cabemos nunha Mercedes Vito”, comenta con humor Fer, que se considera a si mesmo un “endogámico musical”. Nos seus directos, a falta de voz cantante, os samplers son os protagonistas: “Os samplers son mostras doutras cancións ou arquivos sonoros que podes fraccionar e manipular ao teu gusto, tocándoos como se fosen un instrumento orgánico. Non lle damos ao play e xa está”, explica. Este venres 27, se todo vai ben, poderemos comprobalo de primeira man en Radar Estudios, onde aseguran teñen moitas ganas de tocar e de ofrecer aos asistentes algunha que outra sorpresa.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024