O Sinsal lévanos a esencia a través da música e a natureza
O Festival Sinsal recupera a súa esencia con tres días de música vangardista e de raíz, viaxes en barco, unha contorna inigualable en plena natureza e un aforo máis exclusivo ca nunca por mor da pandemia.
É posible que o Sinsal sexa un dos poucos festivais aos que se chega en barco. Pero, esa non é a única singularidade dun evento que vai xa pola súa edición número once. Un aforo moi limitado, que sempre consegue esgotar as entradas a pesar de que o cartel é segredo e a preciosa contorna na que ten lugar, son outros dos ingredientes que o fan único e especial.
O Festival Sinsal Esencial arrancou o pasado venres ás 17.00 horas cun cartel maioritariamente feminino, que incluiu as actuacións ao vivo de Leticia Rey, Elba, Chill Mafia eta Ben Yart e Queralt Lahoz. Nesta primeira xornada tamén se inauguraron as xornadas ‘Localizar e deslocalizar’, conversas internacionais sobre igualdade, patrimonio e cambio climático que se desenvolveron durante os tres días de festival.
A xornada de sábado comezou pola mañá co concerto semiacústico nun catamarán do artista galego Marco Maril, que estivo presentando en exclusiva para un público de 60 persoas o seu novo traballo 15.11.18. Os asistentes tiveron, ademais, a oportunidade de coñecer de primeira man, nunha ruta marítima dunha hora e media de duración, a memoria da illa e a historia do seu patrimonio. Pola tarde e xa en San Simón, mariagrep, aparentemente algo nerviosa, foi a encargada de arrancar a xornada musical co seus temas de bedroom pop electrónico. A continuación a música trasladouse ao escenario Son Estrella Galicia onde o mix de canto gregoriano con ritmos folk tronado de Tarta Relena, deixou abraiado a máis de un. Os seguintes en subir ao escenario foron o dúo portugués Siricaia que cos seus sons guitarreiros puxeron en pé ao público do Sinsal que xa non deixaría de bailar e saltar coa actuación dos tamén portugueses Whales. A actuación destes últimos tivo que ser programada a última hora, tras a cancelación de Tanxugueiras por un positivo COVID. Mais, os portugueses entusiasmaron ao público asistente e pecharon a xornada por todo o alto.
A banda galega Peña iniciou o último día de festival coa presentación do seu primeiro disco Carreiro, uns sons harmónicos con toques folk, ideais para ir collendo ritmo. O catalán Nico Roig sucedeuno cun espectáculo intimista no que explorou diversos formatos con guitarra, órgano e sintetizadores. Desde Misouri aterrou no Sinsal a impresionante voz de Tonina que cautivou aos seus asistentes cun concerto cheo de enerxía e sons que combinan o jazz, o soul e o folk. A guinda púxona Rigoberta Bandini que desde o primeiro momento conseguiu facer bailar a todos os alí presentes con temas como ‘In Spain we call it soledad’, ‘Perra’ ou a versión do ‘Corazón contento’ de Marisol. Un espectáculo no que reina o absurdo e non deixa indiferente a ninguén.
Nesta volta a esencia o Sinsal volveu cautivar aos asistentes, que mantiveron en todo momento un compartamento exemplar, cun evento no que conseguiron a conexión plena coa natureza e a música.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024