CAMELIAS MASCOTAS

Baiuca, Moura e Kings of the Beach súmanse ao Barbeira Season Fest

Folktrónica, stoner rock e garage con selo galego é o que traerán Baiuca, Moura e Kings of the Beach ao Barbeira Season Fest, que se celebrará os días 27, 28 e 29 de agosto na península de Santa Marta de Baiona. Desta maneira o evento aumenta a tres días a súa programación, cuxos abonos xa están á venda desde 45€.

REVISTA NOVEMBRO
Foto: P. Vázquez

Esta semana publicabamos unha gráfica na que comparabamos a presenza de artistas galegos nos diferentes festivais da nosa terra. O peor parado foi o Barbeira Season Fest, que só contaba con dúas bandas galegas (Basanta e Los Marcianos, ambas de Vigo), que representaban o 13% do total do cartel. Afortunadamente, a nosa gráfica quedou obsoleta, pois a organización vén de anunciar tres novos artistas con selo galego: Baiuca, Moura e Kings of the Beach. Baiuca abrirá o festival o venres 27 de agosto nunha xornada de balde, mentre que Moura e KOTB amenizarán as sesión vermú do sábado e o domingo, respectivamente.

Esta terceira edición convértese así na máis completa das realizadas ata o de agora e consolida a este festival como un dos eventos alternativos máis importantes do calendario estival de Galicia. Os nomes xa mencionados súmanse a outros como Viva Suecia, Confeti de Odio, Ladilla Rusa ou Mujeres, todos eles referentes da escena independiente estatal.

Os abonos para vivir a “experiencia Season” completa (tamén as reservas para o concerto de balde de Baiuca) son limitados e xa están á venda na web do festival e Ataquilla. A organización, polo de agora, só contempla o abono completo xa que por aforo limitado non poñerán entradas para días soltos.