Rompente desvela por fin ‘Que hostia din os rumorosos’
O pasado venres o colectivo poético Rompente, creado en 1975 por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel M Romón, publicou o seu último traballo Que hostia din os rumorosos?, da man da editorial local Elvira. Un libro que supón o retorno bibliográfico case 30 anos despois dun dos colectivos líricos máis influintes do século pasado no noso país.
Pola mañá na sede da Editorial Elvira e pola tarde na praza onde estivera o Cine Tamberlick, o Grupo Rompente anunciou a súa volta cun libro baixo o brazo: Que hostia din os rumorosos?. Este título tan directo débese a que, segundo as súas pescudas, o himno galego é o único, xunto co de Estados Unidos, que comeza cunha pregunta. O colectivo poético, fundado en 1975 por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel M Romón, había case 30 anos que non editaba un libro, desde a publicación en 1983 de A dama que fala.
Editado con moito agarimo pola Editorial Elvira, este novo traballo conta con catro divisións ben diferenciadas, amais un prólogo de Julián Hernández: unha parte individual para cada un dos autores (‘O Carallo 29’, ‘Derrotas’ e ‘Room Service’) e unha colectiva baixo o título de ‘Rompentres’. Os textos, maquetados de forma creativa, son acompañados por obras dos artistas plásticos Antón Patiño e Menchu Lamas. O 90% dos textos, en palabras de Antón Reixa, son inéditos, e o 10% restante só foi publicado en “pequenos programas de man e catálogos de exposicións”. Polo tanto, entre as súas páxinas atoparemos as creacións máis recentes destas tres mentes inquedas e vangardistas.
Cal é o motivo desta volta? “Non volvemos como os grupos de rock para agrandar a nosa conta corrente, senón porque Alberto Avendaño volveu dos Estados Unidos 30 anos despois”, comenta Reixa, que a pesar de non terse visto neste tempo sente unha enorme complicidade con seus camaradas. “É como as reunións de antigos alumnos, que aínda que leves décadas sen velos, sentes que estiveche con eles o día anterior”, resume o líder do Resentidos. Tamén anunciaron unha xira por oito localidades de Galicia durante o outono, onde presentarán o libro con recitais performativos de “polifonía poética”.
Pode adquirirse en distintas librarías, nas presentacións e na páxina web de Elvira por 35€.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024