CAMELIAS MASCOTAS

Vigocultura celebra o Día da Danza con tres espectáculos

Estas dúas fins de semana Vigocultura ten unha programación orientada a celebrar o Día Internacional da Danza con tres espectáculos: Pink Unicorns o venres 23 e sábado 24, Nina Ninette o domingo 25 e Leira os venres 30 de abril e o sábado 1 de maio. Con estas propostas, dúas para público adulto e outra para crianzas, Vigocultura pecha o seu primeiro semestre deste 2021 tan atípico.

Fotografía da representación de Pink Unicorns na Mostra Internacional de Teatro de Ribadabia | Rosiña Rojo

Este venres 23 e sábado 24 poderemos gozar, ambos días ás 20:00, do espectáculo Pink Unicorns da compañía La Macana. Esta creación enérxica, tenra e divertida, de gran potencia física aborda o reto de sacar a escena a un pai e o seu fillo; o primeiro, un experimentado bailarín de traxectoria internacional; o segundo, un adolescente creativo e atlético. Un fermoso diálogo interxeracional a través do corpo, para falar das relacións e as diferentes etapas da vida

REVISTA NOVEMBRO

O domingo 25 estará o espectáculo infantil Nina Ninette de Traspediante en dobre sesión: ás 12:30 e ás 18:00. Trátase dun conto iniciático que se inspira na estética do ballet triádico para danzar unha historia de beleza e rebeldía, que nos fala dunha nena valente e alegre a partes iguais que atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos.

Por último, xa na seguinte semana, teremos o venres 30 e o sábado 1 ás 20:00 a última proposta da compañia Nova Galega Danza: Leira. O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica; día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. A sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo, a celebración dunha Galicia intemporal e máxica.

Xa están dispoñibles as entradas para todas as sesións. Pódense adquirir a través da web https://www.woutick.es/?busqueda=Vigocultura ou ben no despacho de billetes do Auditorio Municipal do Concello os venres e sábados de 18:00 a 20:00 e os domingos de 10:30 a 12:30 e de 16:00 a 18:00.