Óscar Avendaño: “Xa fixen as paces co 2021”
Tres décadas dan para moito. A Óscar Avendaño déronlle para formar parte dalgunhas das bandas máis relevantes de Vigo, como Siniestro Total ou Foggy Mental Breakdown, e continuar sendo relevante a día de hoxe cos Bo Derek’s ou a súa traxectoria en solitario. Visto que a nova normalidade non parece traer de volta as salas de concertos, e os concertos en xeral, decidiu publicar Perros negros, un disco gravado en 2016 con Reposado (Mauro Comesaña, Andrés Cunha e a colaboración de Hendrik Röver) como banda de apoio. Podes escoitar e mercar aquí o disco.
Sentamos na terraza do Tinta Negra, no corazón do barrio musical da cidade, a falar entre outras cousas sobre este novo álbum, un traballo que continúa na senda norteamericana que desplegou con maestría en Burro (2015), tamén acompañado por Reposado. Cada cinco minutos, aproximadamente, alguén interrompe a nosa charla para saludalo, o cal demostra que se atopa en casa. Linlle nunha ocasión que ao longo desta pandemia pasou por diferentes estados anímicos, desde estar preto da depresión á esperanza, polo que preguntarlle que tal está agora resulta case obrigado: “Agora estou ben, pero isto non acabou e aínda podo volver para atrás outra vez. O pasado Nadal estaba desesperado, como un xubilado que non lle atopa sentido á súa vida, pero co ano novo comecei a facer cousas relacionadas coa música e agora estou máis entretido”. Engade tamén que no que respecta á música en directo este ano está perdido: “Xa fixen as paces co 2021”, comenta, coa ilusión de que a situación continúe a mellorar aos poucos para poder volver a tocar de forma habitual no 2022.
O sector musical foi un dos máis maltratados nesta crise pandémica que estamos a vivir. Avendaño pode dar boa mostra, posto que é, ou era, un deses afortunados que vivían unicamente de tocar: “Eu por sorte sigo a cobrar o paro e vivo coa miña parella, que non deixou de traballar. Unha vez remate o subsidio non sei que vai pasar“. Lembra tamén con certa pena que a pandemia chegou cando os Bo Derek’s, outra das súas bandas, estaba nunha liña ascendente e tocando de maneira habitual. A falta de concertos, temos unha boa nova para os seus seguidores: veñen de gravar un segundo disco que saíra esta mesmo ano.
Como diría Francisco Umbral: “He venido a hablar de mi libro”. Por que Perros negros? “Había un trapichero por aquí que se facía chamar Perro Negro e parecíame un pobre home pensando que era alguén por usar ese nome. Ao mesmo tempo parecíame unha imaxe super dura, de cans sen dono… Ten algo ominoso, de mal choio, e o disco tén un pouso agre”. A pesar de seren gravadas hai un lusto, algunhas das cancións, como ‘Pudridero’ ou ‘Los chicos’, teñen un aroma e un significado moi actual: “Cando as cancións non son totalmente pechadas, senón que xiran ao redor dunha idea, o receptor é o que ten a última palabra á hora de decidir sobre que fala a canción”. Algo similar aconteceulle con ‘Ángeles desdentados’, un tema de Burro que escribiu tras o falecemento da súa nai, e cuxa letra o propio Oscar camuflou como se fose unha sorte de Bonnie & Clyde.
Gravado en Guitar Town (Cantabria) baixo a batuta de Hendrik Röver, o disco non chegou a ver a luz ata hoxe debido ás apretadas axendas dos seus integrantes con outros proxectos. Foi a chegada da pandemia, e do novo selo discográfico Milana Records (que conta cunha escudería envexable), o que virou a situación: “Dixeron que este era un bo momento para publicalo e tiñan razón, porque está a ter moita repercusión e non hai esa presión de ter que presentalo en directo”, e engade que “entre non facer nada e facer algo sempre será mellor o segundo, e desde logo para a miña saúde mental está a selo”.
A falta de saber o que acontece con Siniestro Total (“levamos un ano sen vernos todos”), podemos confirmar que este ano teremos Óscar Avendaño dabondo: ademais deste disco que acaba de saír e do recén gravado cos Bo Derek’s, actualmente está a tocar ou gravar con Los Naipes, Banda Fantasma e o recén creado The Bible Belt. “Este ano tocarei pouco, pero polo menos ir facendo cousas”, comenta o músico con resignación e esperanza, un estado no que se atopa case a totalidade da escena musical local.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024