CAMELIAS MASCOTAS

‘Vencerse é cousa de se tratar’, unha homenaxe a Xela Arias

O salón de actos do Marco é o espacio escollido para a pre-estrea de Vencerse é cousa de se tratar, unha homenaxe á poeta galardoada no Día das Letras Galegas 2021, Xela Arias. A proposta escénica de Fernando Abreu, sobre a obra Intempériome de Xela Arias terá esta fin de semana o primeiro contacto co público.

O Marco, Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, acolle a pre-estrea de Vencerse é cousa de se tratar, unha homenaxe á poeta Xela Arias, galardoada no Día das Letras Galegas 2021. Esta proposta escénica básease na obra Intempériome, o derradeiro libro de poemas publicado pola escritora en 2003.

Na edición especial que publicará en maio deste ano a editorial Xerais, describe como Xela racha, desde o propio título, as convencións lingüísticas para facer un uso libre, exploratorio e rebelde da sintaxe e da voz, examinando o territorio da existencia, do amor e da morte. A través dos versos flúe a sinceridade dunha poeta aberta, espida, que rompe a palabra para inxectarlle significados contestatarios e invocar a lectora ou lector a que se libere da alienación”.

Cando a poeta Xela Arias preparaba as presentacións do seu derradeiro libro Intempériome, traballou xunto ao músico Fernando Abreu, coa idea de mesturar as dúas artes dende un punto de vista contemporáneo con espazo para improvisación libre e a palabra. Abreu gravou os poemas do libro na voz da autora e aquelas gravacións que só tiñan a intención do estudo, acabáronse por converter nun documento único coa inesperada morte da autora.

O músico creou unha performance na que a voz gravada de Xela fundíase con música e voces ao vivo e foi interpretada nalgunhas das homenaxes que recibiu a autora dende entón. O nomeamento de Xela Arias como autora homenaxeada nesta edición 2021 do Día das Letras Galegas é a ocasión perfecta para que este proxecto se converta nun espectáculo escénico.

REVISTA NOVEMBRO

Nesta proposta, Fernando Abreu conta coa complicidade en escena da cantante e actriz Mónica de Nut —quen pon voz ós poemas mesturándose cos recitados da propia autora— e de Pablo Carrera, con quen leva mais de vinte anos traballando no proxecto DOUS e creando espazos sonoros para teatro e audiovisual. Roi Fernández completa o elenco realizando cinema en directo.

Por mor das limitacións de capacidade, esta preestrea estará ao alcance de moi poucos afortunados. Non obstante, a previsión é que a proposta escénica se convirta nos próximos meses nunha representación itinerante que chegue aos diferentes lugares da xeografía galega, e da que poida desfrutar un público máis amplo.

Para reservar, xa sexa por correo ou por teléfono, contactar co Marco a través de info@marcovigo.com 986 113904 ou  recepcion.marco@gmail.com 986 113900 ext. 100. Máis información aquí.