CAMELIAS MASCOTAS

O artista Jack Andriano regalará un cadro á primeira persoa en atopalo

O artista mexicano afincado en Vigo Jack Andriano vai deixar un cuadro seu nunha rúa céntrica para que a primeira persoa que o vexa poida levalo á súa casa. Soa arriscado, pero trátase dunha táctica para darse a coñecer nunha cidade na que a súa arte aínda está por descubrir. Este sábado ás 12:00 subirá no seu Instagram unha foto coa localización da pintura.

Aproveitando que parece que o tempo está a mellorar, este sábado pola mañá saes polo centro de Vigo a dar un paseo. De súpeto atopas un cadro protagonizado por Mickey Mouse e cheo de cor tirado na rúa. Que fas: o colles ou o deixas no seu sitio? O seu creador, Jack Andriano, prefire a primeira opción.

REVISTA NOVEMBRO

Iso si, xa que é de balde, que menos que compartilo nas nosas redes sociais e comezar a seguir ao autor na súa conta de Instagram (@jackandriano). Este artista mexicano, veiciño noso desde hai máis de dous anos, ideou esta performance para darse a coñecer en Vigo. Aquí o seu traballo polo momento só foi exposto nalgún bar e no mercado La Batidora, hai un par de anos. En Estados Unidos a súa arte goza de maior aceptación, xa que alí foi onde medrou e comezou a tomarse en serio isto da creación artística.

Aínda que os seus “heroes” sexan nomes como Leonardo Da Vinci, Diego Velázquez, Michelangelo ou Caravaggio, na actualidade o seu estilo street pop art aseméllase máis ao de artistas como o francés Mr. Brainwash. Nas súas pezas mestura iconas pop, como Mickey Mouse, Elvis Presley ou Marilyn Monroe, con collages mixtos cheos de cor, cartelería e pintadas de grafiti.

Este sábado sobre as 12:00 o artista compartirá na súa conta de Instagram unha foto coa localización do cadro. Aínda que podes ir por el sen máis, Andriano recomenda e agradece o feito de seguir a súa conta, compartir a publicación, darlle un like e etiquetar a un par de amigos. Son pequenos detalles que non custan nada e que axudan a que a súa arte chegue a un público maior.