REVISTA ABRIL

O movemento social ensaia outorga a súa primeira bolsa á artista plástica Lia González

Grazas ao impulso voluntario das máis de cen doantes voluntarios, a asociación Ensaia acaba de outorgar a primeira bolsa artística na historia desta organización. Unha iniciativa sorprendente xa que nace da contribución voluntaria dun mar de persoas que buscan apoiar, contribuír e potenciar o talento local. A artista seleccionada nesta edición foi a ourensá Lia González.

REVISTA ABRIL
Obra da serie nöwmada , de Lia Gonzalez

O movemento social Ensaia concedeu en 2020 a súa primeira bolsa artística, grazas á aportación voluntaria das súas pingas, as persoas que forman parte dela. A bolsa incluiu o pago de 6.000€, o acompañamento durante doce meses e a mentoría de Lia González, a artista seleccionada. A máxima desta iniciativa é a de apoiar a persoa, non soamente con cartos, senón coas conexións, confianza e consellos de toda a comunidade. Como reza o manifesto do movemento “o talento xa existe e, moitas veces, soamente hai que visibilizalo ou acompañalo”.

Lia González, é un dos talentos artísticos máis prometedores da nosa comunidade, cun claro potencial internacional no seu traballo. Afincada na pequena aldea de Entrimo (Ourense), os seus traballos xa foron recoñecidos por algunhas das máis prestixiosas escolas internacionais, chegando a recibir un «A ́ Design Awards Gold». A través das súas creacións, busca impactar positivamente na sociedade. Grazas á bolsa, puido materializar as primeiras obras de dous dos seus proxectos: Pathart y nöwmada.

Distribuídas en máis de 16 países, as persoas que forman Ensaia uníronse cunha visión de longo prazo e un obxectivo moi claro: impactar positivamente no desenvolvemento e posibilidades da seguinte xeración. Ademais deste programa, tamén apoian a publicación de obra e teñen prevista unha liña de axudas para a colaboración con espazos como Sende, Arroelo ou Anceu, co obxectivo de que a que a xuventude poida compartir inquedanzas con emprendedores sociais e nómadas dixitais de diferentes países.