O GFFF, FICBueu e o Festival de Cans abren a inscrición de filmes
Igual que o ano pasado, os festivais de cine galegos continúan cos seus plans a pesar das dificultades. Concretamente, o Festival de Cans, o FICBueu e o Galician Freaky Film Festival xa abriron o plazo para presentar obras audiovisuais para as súas respectivas edicións.
Se non vai ser un ano de cine, polo menos que sexa con cine. Comezando por Vigo, o Galician Freaky Film Festival, o evento máis freak de Galicia, abriu esta semana o prazo de inscrición de longas e curtas para a súa quinta edición. Este ano o certame celebrarase do 29 de setembro ao 2 de outubro, e desde o pasado18 de febreiro e ata o próximo 30 de xuño queda aberto o prazo para inscribir traballos audiovisuais. Nesta edición manterán a opción de ver online a sección oficial, debido ao éxito da proposta o pasado ano. Consulta aquí toda a información.
Un pouco máis ao sur temos un dos eventos referencia do país, o Festival de Cans, que vén de ser seleccionado entre os catro mellores eventos culturais do pasado ano en Galicia segundo a Fundación Contemporánea, unha das máis prestixiosas de España. É de valorar que se trata do único que ten lugar un entorno rural e o mellor situado da área metropolitana de Vigo, por diante do Sinsal. Hai unha semana que abriron a inscrición (con data límite o 16 de maio) para esta nova edición na que cumpren a maioría de idade, que se celebrará do 1 ao 4 de setembro. Inscríbete aquí.
Volvemos ao norte, neste caso saltando ao outro lado da nosa ría ata arribar á de Pontevedra. Alí celebrarase do 10 ao 19 de setembro o FICBueu, o prestixioso festival internacional de curtas. Xa desde decembro podemos facer chegar o noso proxecto á organización, período que se extenderá ata o 15 de abril. Consulta aquí as bases.