CAMELIAS MASCOTAS

O Centro Abertal propón un lecer cultural e inclusivo

Desde 1979 a Asociación Centro Xuvenil Abertal, con sede na rúa Venezuela, propón unha oferta de lecer educativo para as nenas, nenos e adolescentes de Vigo, cuxo obxectivo é erradicar a exclusión social e mellorar a calidade de vida das persoas. Esta fin de semana un grupo deles pasouse pola exposición de Aarón Moucho en F**k this Studio.

Entre as diferentes iniciativas levadas a cabo por Abertal destaca Caixaproinfancia, un proxecto impulsado e financiado por Obra Social La Caixa que ten o obxectivo de mellorar a calidade de vida de menores en risco de exclusión social, dotándolles tanto de recursos como material escolar, lentes, audífonos, como de servizos, apoio escolar e lecer educativo. Está coordinado pola asociación Arela e desde Abertal ocúpanse do reforzo escolar e o lecer educativo.

REVISTA NOVEMBRO

O pasado venres, acompañados pola súa titora Ana Carlota Gil Ares, visitaron o espazo artístico F**k this Studio (Galería Plata, Urzáiz 83), onde coñeceron a obra de Aarón Moucho da man do propio artista. Ana confésanos que decubriu este espazo grazas ao noso artigo publicado en xullo do pasado ano, e tamén que o seu grupo de adolescentes gozou da exposición e mesmo levaron algunhas camisetas serigrafiadas por Moucho.

Mohamed, un dos rapaces de 16 anos, comenta que as ilustracións deixárono “sen palabras”, e laméntase de que “non haxa máis lugares así onde as persoas tanto novas como adultas poidan atoparse e inspirarse”. Yussara, de 14 anos, tamén opina que F**k this Studio é un lugar no que “inspirarse e aprender”, ademais do “impresionantes” que eran os debuxos. Eric, de 15 anos, vai máis aló e di que “o artista e este estudo fannos ver que con dedicación podes conseguir cumprir os teus soños e dedicarche ao que máis che gusta”. Por último, Andrea, de 14 anos, destaca o “agradables e simpáticas” que eran as persoas que alí estaban.

A saída da semana pasada non foi unha excepción, xa que todos os venres de 16:30 a 20:30 realizan actividades de lecer, tanto dentro como fora do centro, aproveitando a gran oferta cultural da nosa cidade. Este ano, como novidade, dedican unha parte do tempo á adquisición de competencias dixitais impartidas por un profesional no Colexio Salesianos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.