CAMELIAS MASCOTAS

‘Tantas Imaxes’: os cadernos da arte viguesa

A finais de 2019 nacía da man de Alfons Freire, creador do Espacio CUBO, o proxecto Tantas Imaxes, unha colección de cadernos dedicada a temas relacionados coas imaxes e a cultura visual. Actualmente poden consultarse cinco números de maneira dixital, con dous máis proximamente que están en camiño.

Que Alfons Freire era unha persoa inquieta era algo que xa sabiamos: en novembro de 2018 abriu o espazo expositivo CUBO, a mediados de 2020 pensou en ampliar o proxecto a unha nave industrial no Calvario e, aínda que finalmente non o fixo, seguiu realizando interesantes propostas como Esto NO es una galería de arte.

REVISTA NOVEMBRO

Desde finais de 2019 Freire traballa nun proxecto chamado Tantas Imaxes, que consiste nunha colección de cadernos dedicada a temas relacionados coas imaxes e a cultura visual. O afán é contribuír a reflexionar sobre o fenómeno das imaxes cun discurso sobre aquelas que aínda contan, nun momento no que estas proliferan de forma alarmante, converténdose nunha praga na que a banalidade podería ser o seu aceno de identidade.

Os novos estudos visuais van máis aló desas posicións tan pechadas para abrirse á produción das imaxes en xeral. Pode parecer que esta afirmación está en clara contradición co aserto anterior sobre a banalidade das imaxes, pero precisamente un dos obxectivos destes pequenos libros é atopar o roteiro que mostre as diferenzas entre imaxes “baleiras” e imaxes “cheas”.

Na súa web podemos atopar cinco destes cadernos, que van desde novembro do 2019 ata o mesmo mes do 2020. Dous máis, que levan por títulos Autobiografía y ficción e ¿Arte o mercancía?, están en camiño. Cada un destes libriños conta con numerosos colaboradores, polo que se queres formar parte deste proxecto, tanto enviando as túas creacións como escribindo sobre as doutros, podes mandar un correo a tantasimaxes@gmail.com. Tamén podes mercar por mail unha copia física dalgún dos cadernos, cos gastos de envío de balde.