‘As illas das deusas’ por Inma López Silva
Por motivos inconfesábeis, precisaba tatuar Vigo na pel. Optei polo seu horizonte nun brazo, como invocación dun futuro fermoso en que embebedarme de innúmeros solpores. Logo resultou que as illas se imitaban un pouco a un electrocardiograma, pero non me importou, quizais porque o meu corazón tamén bate así, coas Cíes no fondo nese lugar onde quero que a cinsa do meu corpo se funda co mar para que as estrelas o consuman.
Un lunar non moi grande que sempre estivo aí agora é Venus, a deusa do amor, esa que alumea intensa sobre a illa de Monteagudo, e que me lembra que Tolomeo lles chamaba ás Cíes «Illas dos Deuses». Seica era o lugar escollido para o paraíso. Atea de min, eu penso máis ben nas tres illas como forzas poderosas que pechan este mar que se abre, do outro lado, a Nova York, e deste, á felicidade. Así se escribiu durante os últimos catro anos a miña última novela, O libro da filla, coas Cíes ás costas vixiando tralos xeranios que improvisan o meu xardín urbano, e con Vigo ou a alegría aos meus pés, lembrándome cos seus claroscuros de cidade marabillosamente desfeita que no caos habita a realidade humana, coma nuns personaxes que teñen máis de Drake ca de deusas perfectas. Como non tatuar as Cíes? Cando asomo e as miro, non podo evitar ver nelas a escritura do ritmo cardíaco que se debuxa liricamente sobre a auga e baixo Venus. Son o horizonte deste espazo de acubillo onde as de interior aprendemos os ritmos particulares da ría, que, coma os corazóns, van e veñen, batendo ao remol da vida que muda e sorprende con elas aí, impertérritas, lembrándome a miña propia diminutez fronte aos milenios de erosión, e a miña intensidade perante o tempo que pasa nun suspiro, tan rápido, que cómpre vivilo e escribilo para apreixalo minimamente.
O tatuador mírame con fastío, reprimindo un bufido. Os cardiólogos póñeno nervioso, dime reivindicando o sentido realista da súa reinterpretación das Cíes. As illas prodúcenlle angustia, engade. É un tipo de fobia, e sobre esas cousas debería escribir, dime, sobre as fobias da xente, e deixarme de misticismos. Vai armado cunha agulla chea de tinta e dáme medo o que poida facer con ela, así que calo para que adormeza a besta e siga co traballo. Debuxa a praia de Rodas como unha longa liña no meu brazo. De súpeto ergue a ollada: «Iso que ti chamas Venus é un lunar feo con relevo que debería verche o dermatólogo, non sexa que morras de amor».
Por Inma López Silva
Escritora
[Este artigo está publicado na revista A Movida de marzo de 2020. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]