CAMELIAS MASCOTAS

O rapeiro vigués G Parsi pecha o ano co disco ‘Doomsdays’

Se algo positivo podemos sacar do longo confinamento vivido este 2020 é a gran cantidade de tempo que adicaron algúns artistas aos seus proxectos. É o caso do vigués Antón González, de nome artístico G Parsi e batería do grupo El Sótano de Babel, e o produtor gaditano Mario Ocepek, que desde Vigo e Madrid plasmaron este período tan convulso no seu disco Doomsdays, xa en plataformas desde o pasado día 26. Un traballo autoproducido de maneira caseira, cun estilo que baila entre multitude de xéneros, tales como o RnB, funk ou o hip hop. Entre as colaboracións do disco podemos atopar á cantautora Laura Jordán e ao ilustrador Moh, tamén vigueses. Charlamos con G Parsi.

G Parsi e Mario Ocepek nun fotograma do videoclip “Año raro”

Todo o disco, letras e instrumentación, está feito por vós, verdade?

Si, case todo. Na música temos dúas colaboracións: Toni e Laura Jordán, artistas que tamén son moi amigos. E logo, o resto de letras e instrumentación saen de nós. Iso si, sería inxusto negar que hai unhas influencias enormes de músicos que admiramos e que poderían considerarse case colaboradores.

Algunhas das cancións transmiten angustia e outras bo rollo. Representan os estados de ánimo que fostes pasando ao longo destes meses tan convulsos?

Si. Claramente. É o obxectivo do disco, contar a historia deste ano e como nos sentimos nel. O disco pode entenderse como un “paseo” polas sensacións de 2020, aínda que a idea en como está escrito é que poidas escoitalo en 2025 e non che soe a que estamos a falar dunha época pasada. Aínda así hai temas moi do momento, empapados dun momento concreto. Por exemplo, “Génesis” xurdiu do día en que Mario puido saír a darse un paseo pola mañá por primeira vez en meses, estando confinado en Madrid. Aí gravou varios sons no Parque do Oeste que abren o tema e que marcan a instrumental.

Como influíu a pandemia e o confinamento na xestación deste traballo?

Ademais de emocionalmente e nos temas que tratamos, en todo o tempo “libre” que nos deixou a corentena puidemos crear moito e propuxémonos o plan de facer un tema máis o seu vídeo á semana. Así xurdiu a primeira metade do disco: cancións que fixemos moi rápido, espontaneamente e a distancia, Mario en Madrid e eu en Vigo, intercambiando ideas día a día. Foi bonito.

O voso traballo lémbrame bastante ao último disco póstumo de Mac Miller, Circles, que máis aló das letras conta cunha instrumentación e unhas melodías moi elaboradas. Dádeslle a mesma importancia a ambos os aspectos?

Artistas como Mac Miller, da escena rap/urbana estadounidense e inglesa son influencias bastante grandes para nós. Mario, ao facer as instrumentais, fíxase moito en músicos e bandas internacionais, e nótase no que dis: son músicas ricas, con moita mestura de estilos, experimentación, moitos detalles… Eu admiro o que fai Mario a nivel musical, e para min é un gusto poder rapear sobre instrumentais que quizá se saian do común en España. Tamén é un reto curioso, para min como escritor de rap e oxalá para o oínte, que igual se atopa con cousas difíciles de etiquetar e que se saen do típico que acompaña ás “barras”. Mario afirma que a admiración é mutua. Por iso declarámonos dúo e traballamos como tal.

Nunha das cancións escóitase unha conversa vosa na que comentades que “os temas soan a boa xente”. Pensades que esa frase consegue resumir o voso traballo?

Non home non! Non porque sexamos mala xente, eh. Senón porque aínda que sexa un traballo vacilón e colorido, hai intención de ir máis aló do mero “bo rollo” en todas as letras e en todas as composicións. Que dean boa vibra e soen a boa xente está perfecto pero oxalá provocar algunha reacción con máis chicha. O interludio que inclúe a conversación que dis fala da cuestión de se está ben ou non incluír no disco un tema que fai parodia da situación de pandemia, ao principio dela. Ante a dúbida metemos ese tema a medias, cunha conversa ao redor da propia dúbida. Iso é de boa xente?

A pesar de ter gravado todo nun estudo caseiro a produción soa absolutamente profesional. Isto é algo que cada vez se fai máis, mesmo artistas de primeiro nivel. Pensades que é o futuro da música?

O primeiro, grazas pola apreciación. A nivel sonoro hai horas e horas de coidado para que o son que se saca dun estudo en casa soe pro. Para nós está claro que a produción caseira non é o futuro, é o presente. E é precioso que poidas ter nunha habitación todos os recursos para marcarte un disco, e que poidas en calquera momento poñerte a gravar ou crear o que che salga.

Iso si, canto máis frikis da música volvémonos e máis afinamos o oído, máis ganas temos de entrar a un estudo “dos de verdade”. Hai matices e detalles no son que non se poden conseguir en casa e para ben ou para mal nos nosos referentes está xente con producións de luxo, ás que miramos con… anhelo. Falando de produción, o disco ten unha capa menos caseira: o master dalgunhas cancións fíxonolo Miguel Astudillo, un profesional que traballou con artistas bastante grandes e que se involucrou no proxecto porque lle chamou a atención. Agradecémosllo moito.

Ademais das cancións, hai anacos de conversacións, sons ambiente… É unha especie de colaxe sonora.

Si. Hai conversacións, extractos da radio e a TV, descartes, covers, un fragmento de discurso de Malcolm X … Puxémonos a meter este contido ao propoñernos pechar o LP, para enriquecelo e que poidas mergullarte nel. Gústannos eses discos que che van levando por unha historia, e van alternando puntos álxidos con outros de tensión, ou suspense, ou descanso… Mola concibir un álbum así, como unha peza de 40 minutos con diferentes partes fiadas e non como unha recompilación de singles. As colaxes sonoras axudan a iso.

Nos últimos anos, co auxe da música urbana, parece que o trap (e sucedáneos) ha eclipsado a xéneros máis tradicionais como o hip hop. Que opinión tedes respecto diso?

G Parsi: Eterno debate… Eu sinto que se o trap eclipsou ao hip hop, é sobre todo a nivel comercial, pero o hip hop segue sendo un xénero rico, moi vivo, con artistas tremendos. Igual está algo “eclipsado” pero aí segue a brillar por detrás.

E logo a raíz do boom do trap e a súa influencia na música actual, co hip hop pasou algo moi guay e é que se popularizou, coma se o trap tendese unha ponte entre o rap e a música máis popular e respectada. Nestes últimos anos parece cada vez máis normal que che poñan hip hop en calquera garito ou pista de baile e iso é ben. Os oídos están máis abertos, e tamén é verdade que hai barreiras entre trap e rap, ou máis ben entre rapeiro e trapeiro, que non están moi claras. Igual máis que “eclipse” hai unha fusión ou… unha retroalimentación de escenas.

Mario Ocepek: tampouco hai moita pega que sacar de que xurdan novas modas na música cada pouco e váianse outras. As novas ondas son sempre ciclos de cousas que volven, ou que se van mesturando naturalmente. Por exemplo, parece que hai un rexurdir do funk ou dos sons oitenteiros, e iso a nós engánchanos e tamén hai diso no disco, fusionado con 15 cousas máis.

REVISTA NOVEMBRO

Vaia, que cero preocupación por preservar as “tradicións” e xéneros na música. Aquí todo está en constante transformación, e por sorte o que se fixo nos 90 xa está gravado e aí dispoñible para cando queiras escoitalo, non ten por que perderse.

Non é a primeira vez que colaboras con Laura Jordán.

Con ela fixen un par de colaboracións, a última “Katana”, fai pouquiño, e a verdade que moi a gusto coas cousas que saen xuntos. O de facer máis cancións tirando polo estilo lo-fi está sempre sobre a mesa. E logo ela tamén ten as súas ideas con Mario á produción, explorando outros xéneros… 2021 dirá.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.