Brutal Bazar – Extintor con moito buqué
Brutal Bazar (www.brutalbazar.com), un nome que promete emocións fortes e que non deixará a ninguén indiferente. «Brutal»: termo que recorda os anos oitenta e toca as reminiscencias desa época da Movida que puxo a Vigo de novo no mapa. «Bazar»: miscelánea na que poderemos atopar case de todo e por recuperar o concepto desvirtuado dos bazares orientais, nos que ese trato persoal co cliente próximo case familiar é o que marca a diferenza.
Os ideólogos desta marca tan persoal son tres, pero a cabeza visible que encarna todo o brutalismo é sen dúbida Ze. Zemiltom De Andrade chegou a Vigo desde Río de Janeiro hai xa máis de quince anos. El adora Galicia, a súa cultura, gastronomía, costumes e, en especial, ás persoas que viven aquí. Ze ten un vínculo máxico con Vigo e cre que esta cidade é un pequeno Río de Janeiro pola configuración da súa ría, da ponte de Rande, das súas illas e, por suposto, pola súa beleza.
Así que, en 2018 e valéndose dos seus socios de confianza, decidiu devolver algo do que esta terra ofrecéralle abrindo Brutal Bazar (Rúa de Carral, 19), unha antiga librería á que converteron nun lugar máxico no que podes atopar desde obxectos extravagantes ata deliciosas botellas de viño para gozar cun bo queixo.
En rúa de Carral, 19 hai un auténtico gabinete de curiosidades escondido nunha tenda vintage cun sabor actual na que a degustación, os padais máis gourmet e a boa maridaxe danse a man. Ademais de tenda, este lugar fantástico converterase proximamente nun tasting room no que as catas e degustacións serán o pan de cada día. Estamos a desexar enchernos o bandullo de delicias!
Sabemos que non sempre é momento para o viño, pero sempre o debería ser para o bo humor. E para sufocar o incendio que non parou de avivar todo o ano, nada mellor que apagar o lume e prender a risa. Un extintor disfrazado de botella de viño de Bordeaux (79,75 €) pode converter a seguridade en algo sorprendente. Esperamos que o lume se apague de vez!
Dirección: Rúa de Carral, 19
Web: www.brutalbazar.com
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024