Caldo, High Paw e a Orquesta América galardoadas nos Premios Martín Códax
Onte á noite, no Pazo da Cultura de Pontevedra, tivo lugar a gala dos Premios Martín Códax da Música, onde tres proxectos vigueses foron galardoados: Caldo en Música folk, High Paw & Elephants Yard en Reggae, ska e mestizaxe e América de Vigo en Orquestras, grupos e músicas de verbena.
A pesar de ser os premios da nosa música, a canle autonómica non viu preciso televisar a gala, polo que esta VII edición dos Premios Martín Códax só puido seguirse en streaming pola web da organización. Son os Premios promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo que nacen co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego.
Este ano foron tres proxectos vigueses galardoados: Caldo en Música folk, High Paw & Elephants Yard en Reggae, ska e mestizaxe e América de Vigo en Orquestras, grupos e músicas de verbena. Ademais, outros artistas da cidade figuraban entre os nominados, como por exemplo Pablo Lesuit, Yugen Kala, Kaixo, Katerina Linke ou Chow y la Diligente Reggae Band. Tamén destaca a presenza de La Fábrica de Chocolate entre salas preseleccionadas, galardón que acabou en mans do Náutico de San Vicente (O Grove).
Esta é a listaxe completa de todos os gañadores:
– Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
– Canción de Autor/a: Silvia Penide
– Metal: Broa
– Electrónica: Músculo!
– Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
– Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
– Rock: Agoraphobia
– Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
– Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
– Música Infantil: Magín Blando e a Banda das Apertas
– Músicas do Mundo: Najla Shami
– Música Folk: Caldo
– Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
– Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
– Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
– Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
– Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio
Premios Organistrum:
– Salas: Naútico
– Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
– Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas