CAMELIAS MASCOTAS

O mellor da música galega dille ‘adeus’ ao Pergamiño Vindel

Tras cinco meses en Vigo o Pergamiño Vindel volve a Morgan Library de Nova York. Onte a cidade o despediu con música, como non podía ser doutra maneira. Artistas galegos de tres xeracións diferentes reuníronse no Teatro García Barbón nun concerto único.

REVISTA NOVEMBRO

Fotos de Alba Sotelo

A gala presentada pola, tamén cantante, Lydia Botana comezou pasadas ás nove da noite nun García Barbón ao completo. Víctor Coyote foi o encargado de inaugurar o espectáculo co tema ‘Joven de cuello vuelto’. Pablo Novoa acompañoulle coa guitarra eléctrica. A continuación, Víctor invitou á baixista de Agoraphobia Lucía Fernández a subirse con el ao escenario para interpretar ‘Yo, que creo en el diablo’. Lucía cambiou a eléctrica pola guitarra acústica para tocar xunto a Rosa Cedrón ‘Miña nai lúa’, un cambio de rexistro que nos introduciu na parte máis intima do espectáculo. Na mesma liña Cedrón e Eladio Santos interpretaron o tema de Andrés do Barro ‘Teño saudade’. Santos quedou só no escenario para tocar ao piano o seu tema máis viguista, ‘El tiempo futuro’. A gaiteira de Cambre, Susana Seivane, puxo voz e melodía, xunto a Eladio Santos, ao tema ‘Quen puidera namorala’ e despois tocou en solitario ‘Marcha procesional dos 5 de Galicia’. Os sons urbanos chegaron da man da cantante viguesa Wöyza co seu tema ‘Shh’. Ela xunto a Pablo Novoa homenaxearon a Germán Copini co tema de Golpes Bajos ‘Lágrimas ‘. A segunda parte do concerto arrancou con Amaro Ferreiro e o seu tema ‘Trueno y relámpago’, Pablo Novoa o acompañaría ás teclas. O máis novo dos Ferreiro tocou xunto Patricia Moon ao violín ‘Enfermedad Estéreo’. A polifacética artista viguesa interpretou ao piano o seu tema ‘Mum’ e deu paso a Nicolás Pastoriza. Con el chegou a parte máis cómica do show, primeiro interpretaría ‘Anochece en el Berbés’ e despois xunto a Pablo Novoa e Iván Ferreiro presentaría a canción do seu novo disco ‘Ovnis entre Cíes e Nigrán’. Iván Ferreiro foi o encargado de pechar o espectáculo e deulle e interpretou o tema de Piratas ‘Promesas que no valen nada’ tras unha singular votación popular.

Sobre o escenario do García Barbón vimos colaboracións inéditas entre os mellores artistas galegos de diferentes xeracións. Un concerto que pon de manifesto a riqueza musical da nosa terra dende Martín Códax á actualidade.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.