CAMELIAS MASCOTAS

Volve o Scalextric de Vigo en forma de exposición colectiva

Mediante a iniciativa Scalextric Sí, o espazo creativo F**k this Studio e o artista Ash Santos propoñen unha exposición colectiva que xire arredor da mítica construcción viguesa derrubada en 1986. O prazo de recepción das propostas, de calquera disciplina artística, rematará o 25 de outubro.

O famoso Scalextric no centro de Vigo | Ángel Llanos

Tanto para os que o viviron como para os que non, o Scalextric forma parte do imaxinario da nosa cidade. Unha sorte de muro de Berlín que, a diferencia deste, nunca cumpriu coa función pola que foi deseñado. Máis ben serviu de marquesina xigante para as xornadas de chuvia e como soporte de expresión para todo tipo de reivindicacións sociais e artísticas, nunha época tan explosiva a nivel cultural e político como foi a movida viguesa.

REVISTA NOVEMBRO

A modo de resumo, falamos do gran paso elevado situado nas rúas Lepanto e Gran Vía, cruzando con Urzáiz, que debería servir como entrada á autopista. A súa construcción comezou no 1976 e, catro anos e 90 millóns de pesetas despois, estivo listo para a súa utilización, algo que nunca ocurriu. Foi en 1986 cando se procederon ás labores de derriba, aínda máis custosas que as de construcción, cun acto festivo amenizado pola banda de Coruxo no que se reuniron 1500 persoas.

Polo visto, a obra magna do feísmo local inspirou ao colectivo artístico F**k this Studio e a Ash Santos, músico e ilustrador vigués, para realizar unha exposición colectiva na cidade. Scalextric Sí pretende ser unha homenaxe a unha “época inxénua e perigosa”, e para iso buscan debuxos, fotografías, audios, performances, instalacións ou o que sexa que teña como protagonista a esta gran mole de formigón. Con todo este material realizarase unha exposición no local de F**k this Studio (bastante preto da zona 0, nunhas galerías situadas en Urzáiz 83) e un fanzine, con data aínda por definir.

Para participar cómpre enviar a túa proposta a fkthisstudio@gmail.com cunha serie de datos que podes consultar aquí. Tes ata o 25 de outubro ás 00:00 para enviar a túa idea.