O VI Festival de arte urbana celebrarase o 26 de setembro cunha batalla mural
O Concello abre o prazo de inscrición neste concurso no que 12 participantes amosarán a súa creatividade arredor dun tema segredo ata o comezo da batalla. O vindeiro 26 de setembro desenvólvense tamén as III Xornadas de Arte Urbana Vigo Cidade de Cor coa presenza de artistas nacionais e internacionais.
A “Batalla mural” do VI Festival Urbano Vigo Cidade de Cor, que se celebrará o vindeiro sábado 26 de setembro na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, trátase dun concurso de graffitis no que 12 artistas amosarán a súa capacidade creativa realizando unha obra arredor dunha temática que o Concello lles facilitará o mesmo día do concurso. Traballarán nun mural de 2 por 2,5 metros, dende as 10 da mañá ata as 18 horas da tarde e un xurado comunicará ao final da xornada o nome da persoa gañadora, que terá a oportunidade de participar na seguinte edición do programa de medianeiras. A inscrición na batalla mural pode facerse a través da web municipal ciudaddecolor.vigo.org ata o 24 de setembro.
Ademais da batalla mural, o 26 de setembro o Concello celebra as III Xornadas de arte urbana na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, en modalidade presencial e online. Contarán coa presenza de artistas nacionais como David de la Mano e internacionais como dúo Amazonas e os directores dos festivais internacionais de arte urbana de Waterford Walls en Irlanda (Edel Tobin) e do festival Crystal Ship de Bélxica (Bjorn Van Poucke) compartirán a súa experiencia no desenvolvemento destes eventos.
Premendo aquí podes consultar as bases do concurso, como son por exemplo ser maior de idade, presentarse de maneira individual, non ter participado en anteriores edicións de Vigo Cidade de Cor ou utilizar só o material cedido polo Concello.