VIALIA
bannerPicnicSesions

O Underfest celebrarase o 24 e 25 de setembro cunha homenaxe a Morricone

O festival de recente creación de máis éxito da cidade, o Underfest, repite por terceiro ano consecutivo os días 24 e 25 de setembro, aínda que esta edición será cun formato reducido debido ás restriccións sanitarias. A primeira confirmación promete: un concerto homenaxe da Orquesta Clásica de Vigo ao xenio da música cinematográfica Ennio Morricone.

REVISTA ABRIL
O compositor italiano Ennio Morricone, considerado un dos mellores da historia do cinema

Con todo o malo que lle está a suceder á cultura nestes tempos, aínda hai motivos para ser optimistas. O Underfest SON Estrella Galicia, que este ano cambiou a Super Bock pola marca galega, volta á cidade os días 24 e 25 de setembro. Iso si, cun formato reducido e adaptado á normativa anti-covid, pero sen perder a súa esencia.

Ao longo destes dous anos o Underfest trouxo a Vigo a artistas como Slowdive, Benjamin Clementine, Peaches, Villagers ou Helado Negro, polo que van seguir traballando para converterse no festival musical referencia da cidade. Outras das novidades é a súa inclusión en Fest Galicia, a marca que aglutina os principais eventos musicais galegos, sendo o único festival vigués do grupo.

Aínda que pouco máis se pode adiantar desta nova edición, a primeira confirmación é de cine: un concerto homenaxe da Orquesta Clásica de Vigo a Ennio Morricone, falecido o pasado mes de xullo. A velada repasará algunhas das súas grandes composicións para filmes como O bo, o feo e o malo, The Mission, The Untouchables ou Cinema Paradiso. Como aínda non hai data exacta, mellor ide reservando a fin de semana completa.