Play-doc é máis que cine: concertos de Baiuca e Laura Lamontagne
O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro, presenta unha atractiva programación musical para a súa decimosexta edición. Os artistas, ambos representantes da nova corrente modernizadora da música tradicional, son Baiuca e Laura Lamontagne & Picoamperio.
As dificultades que a cultura está a vivir nestes tempos non fai empobrecer a oferta do Play-Doc, que este venres presentaba a súa programación musical. Este ano, polos motivos que todos coñecemos, os concertos non terán lugar nunha sala pechada, senón ao aire libre. Nesta edición poderase gozar de dúas propostas que conxugan á perfección a música e o audiovisual, como son as de Baiuca e Laura Lamontagne & Picoamperio.
Laura LaMontagne & Picoamperio serán os encargados de abrir o festival o vindeiro mércores 23 de setembro ás 20.30 na Praza do Pracer. No seu primeiro proxecto xuntos, abordan campos musicais diferentes que oscilan entre a tradición galego-portuguesa das “cantigas de amigo”, ritmos electrónicos e ambentes íntimos provocados pola evolución de superficies de loops musicais. Poesía propia e adaptacións de Rosalía de Castro, Lorca, Pessoa, Martín Codax mesturando a tradición, a realidade maquinal e a tecnolóxica para contar historias.
O sábado 26 ás 23.00, tamén na Praza do Pracer, chegará o momento de Baiuca, proxecto capitaneado por Alex Casanova onde consegue combinar o máis avanzado e vangardista da música electrónica e as raíces máis salvaxes e puras da súa Galicia natal. No seu concerto, estará acompañado por un show audiovisual a cargo do videoartista Adrián Canoura, un dos novos talentos do cinema experimental galego, que proxectará imaxes con motivos galegos tomadas por el mesmo ou recuperadas de material de arquivo, utilizando en directo os seus sintetizadores de imaxe, logrando unha experiencia audiovisual única e irrepetible.
As entradas xa están dispoñibles en ENTERTICKET, a 7€ o primeiro concerto e a 14€ o segundo. Ambos celebraranse na Praza do Pracer respectando en todo momento as medidas de seguridade impostas pola situación sanitaria e garantindo a seguridade de artistas, público e equipo do festival.