O 17º Ribeira Sacra consegue burlar ao COVID19
Esta fin de semana celebrouse a cuarta edición do 17º Ribeira Sacra, un dos poucos festivais galegos capaces de sobrevivir ao COVID19 este verán. A organización cualifica de “éxito” a súa edición máis “difícil”, grazas ao comportamento exemplar do público. Un feito que pon de manifesto que os eventos culturais poden ser perfectamente seguros.
Unha das características do festival 17º Ribeira Sacra desde a súa creación é o aforo reducido. Quizais ese é un dos motivos de que sexa un dos poucos festivais galegos capaces de sobrevivir ao COVID19 e celebrarse este verán. Aínda así, tiveron que reducir o aforo un 90% e anunciaron o cartel coa totalidade dos abonos xa vendidos. Outra das características deste ano é que case o 100% do cartel estaba formado por artistas galegos. Agás a sevillana María Yfeu que protagonizou o concerto sorpresa a bordo dun catamarán sobre o Sil, os portugueses Cassete Pirata e Ele desde Madrid. Unha programación musical autóctona encabezada polo coruñés Xoel López. Guadi Galego, Os amigos dos músicos, Best Boy, Laura Lamontagne & Pico Amperio, Elba e Momboi completaron o cartel da 4ª edición do 17º Ribeira Sacra.
O festival, que recibe o nome dos grados de inclinación que deben ter os viñedos para que se catalogue a zona como ‘viticultura heroica’, combina música con paisaxe a partes iguais. Tanto é así que os escenarios dos distintos concertos van mudando para facernos descubrir enclaves preciosos da provincia de Lugo. Nesta edición, os asistentes puideron gozar de música nun catamarán sobre o Sil con saída desde Doade, da espectacular terraza da bodega Regina Viarum, do Mirador de Santiorxo, dos xardíns do Eurostars Pazo de Sober e da praza de España en Chantada. Tamén houbo espazo para poñer en valor a gastronomía da zona. Nesta edición, o menú do festival correu a cargo do restaurante Paprica de Lugo, capitaneado polo cociñeiro do Grupo Nove Álvaro Villasante.
O mimo co que está feito este festival nótase en cada detalle, especialmente no trato que reciben os asistentes. Unha organización que fixo que en todo momento o público se sentise cómodo e seguro. Se ben é certo que é estraño cantar cunha máscara tapando a boca e devecemos por saltar e bailar ao ritmo da música, os asistentes amosaron un comportamento exemplar. Un público que agradece co seu comportamento propostas culturais como esta, que fan levar un pouco mellor este mal soño. É de loar a valentía da organización que decidiu sacar adiante o festival a pesar de todas as restricións e riscos. Unha mostra de que os eventos culturais poden ser perfectamente seguros e cumprir con todas as medidas marcadas polas autoridades santinarias. Agardamos volver citarnos no 17º Ribeira Sacra 2021, pero desta volta sen cadeiras, nin máscaras!
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024