O noso mar, marca
En decembro de 2015, con menos de 150 euros no peto, tres estudantes deciden crear unha tenda online para vender o seu principal deseño: unha camiseta coa silueta e as coordenadas das illas Cíes. En pouco tempo, esa idea converteríase en todo un éxito.
Na actualizade, María e Rubén levan o temón de Fillos do Mar, marca empapada do espírito das Rías Baixas, que ten como protagonistas os monumentos dos nosos mares. Tras a marca hai persoas de carne e óso con opinións sólidas que comparten sen ter lixos na lingua. Alén de nos achegar os seus deseños, adoitan facernos partícipes das súas posturas sobre de temas controvertidos: o coidado do medio ambiente, o feminismo ou a liberdade animal. Por se isto fose pouco, colaboran en causas como a reforestación tras o incendio das Neves de 2017, o fomento do deporte co patrocinio do Club Deportivo AMFIV (Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo) ou a axuda activa a diversos centros de acollida e protectoras de animais. Entre as súas propostas, atopamos camisetas riquiñas ou rabudas, suadoiros para que chova ou neve, pulseiras mariñeiras feitas con cabos e áncoras, licor café e viño da casa. Este verán procuran fuxir un chisco da roupa do resto do ano, para se centrar nos complementos, como mochilas e gorras, tan prácticos para lucir nos concertos e festivais desta época.
En fillosdomar.com tes todo o catálogo dispoñible. Se prefires a compra en tenda física, achégate a Vaidhe, no número 7 da rúa de Carral, e leva o que máis che guste.
Por Estela Gómez
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de verán de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024