CAMELIAS MASCOTAS

Alejandro Outerelo (El mono Vintage): ‘Este bar dá para unha serie de Netflix’

Pouco a pouco Vigo recupera o seu pulso. Os nosos bares favoritos prenden os fogóns e sacan á rúa as primeiras mesas para que poidamos desfrutar das ansiadas terrazas e os reencontros con amigos e familia. É o caso de El mono vintage, un local aberto desde o pasado luns durante todo o día, no que tanto podemos almorzar como tomarnos un cóctel ou organizar unha cea de grupo rodeados dunha coidada decoración que non pasa desapercibida aos amantes do kitch e o vintage. O seu dono, Alejandro, cóntanos como aproveitou o confinamento para aportar valor ao seu negocio e como leva volver poñerse detrás da barra

Como nace El mono vintage?

A idea nace nunha viaxe de verán a Málaga, onde vin unha zumería que se chamaba El último mono. Quixen unir o verán, as palmeiras e incluso o flamenco nun bar que tivese todo o ano o ambiente dun chiringuito de praia en Ibiza. E creo que, a pesar de que o tempo non estea en sintonía, conseguimos transmitir esa alegría. El mono vintage é un bar alegre, rebelde, divertido, onde rozamos os límites constantemente. Este bar dá para unha serie de Netflix, sempre ocorren moitas cousas, xeralmente positivas.

Ademais dun sitio onde comer, beber e divertirse, é habitual atopar actividades de reivindicación LGTBI+

Nós estamos para todo o mundo e non me gusta que nos encasillen polo feito de non discriminar a ninguén. Este é un bar para ti, para min e para a miña avoa, que pasaba por aquí moitas veces a botarme unha man. O machismo é unha triste realidade e é verdade que aquí facemos o posible por combatilo, formando ao persoal e procurando que todos e todas nos sintamos seguros. Iso debería ser o normal! Por iso estamos ata a cona de que nos poñan etiquetas, as etiquetas son para os produtos.

A xulgar pola vosa actividade en redes sociais seguistes traballando durante o confinamento

Desde logo. Hai dúas formas de tomarse a vida: desde a lamentación ou desde a actuación. Nós evidentemente vivimos segundo a segunda premisa e ideamos varias campañas desde casa, como unha pulseira e un pasaporte, ambos superagotados, que nos permiten fidelizar á clientela, facer que nos leven sempre consigo e premialos con ofertas moi agresivas, como hamburguesas e copas por 2 €.

REVISTA NOVEMBRO

Ademais, xunto coa miña parella, creamos unha marca de roupa e deseño: Margareto vintage. Facemos camisetas, calcetíns e bolsas de praia, con deseños estampados inspirados na cidade de Vigo e os seus símbolos. Polo momento vendemos tiradas limitadas no bar e as redes e estamos tendo tanto éxito que montaremos unha tenda web.

Como está sendo a resposta do público á reapertura? Hai máis ganas ou máis medo?

Gañan sen dúbida as ganas. A acollida está sendo impresionante e a xente polo xeral compórtase como debe. De feito a semana que vén retomaremos tamén o bingo dos venres, unha das nosas actividades estrela.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.