A Xunta prepara o Día das letras galegas máis dixital
Eventos virtuais, festivais e proxectos expositivos, audiovisuais, literarios, académicos e escolares enchen Internet para achegarlle á cidadanía a figura, obra e vida do autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega (RAG). Moitas outras citas adíanse ata o mes de outubro, de acordo coa decisión da RAG de fixar os actos previstos para o 31 dese mes, o que propiciará que o ano 2020 conte, excepcionalmente, con dous meses nos que celebrar as Letras.
A Xunta de Galicia ten organizadas e apoiadas diversidade de accións para o día das nosas letras, que se irá ampliando en O Portal da Lingua Galega.Outros dos sitios web de referencia para celebrar a efeméride é a web Carvalho Calero 2020 , na que se ofrece cumprida información sobre a biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais, unidades didácticas para o ensino primario e secundario, ou referencias ás edicións bibliográficas conmemorativas ou fotografías.
En canto á axenda, estará formada por variedade de actos organizados en colaboración con diferentes entidades. Todo en aberto e gratuíto.
- Exposición Don Ricardo de Fingoi, sobre a estadía na Cidade da Muralla entre 1950 e 1965 de Carvalho Calero. Dispoñible en carballocaleroenlugo.org ata que poida percorrer as salas de Galicia.
- Serie audiovisual Unha peza para Ricardo un conxunto de minipezas audiovisuais que se ofrecerán diariamente nas canler da Real Academia Galega e serán retrasmitidas na TVG
- O certame Lingua de rapear, para apoiar a creatividade e dinamizar a lingua nos usos e espazos de interese para a mocidade.
- O IX Certame de Relatos Breves Feiraco, inspirados na frase Á sombra daquel carballo
centenario… e I Certame Infantil de Artes Plásticas Feiraco 2020, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. As bases de ambos xa figuran nas redes sociais da cooperativa agrogandeira galega.
- Festival Internacional Kerouac Poesía e Performance organiza un encontro virtual a través da plataforma Zoom que será retransmitido por Facebook e YouTube Live o mesmo 17 de maio, ás 18,00 horas. Presentado polo vigués Marcos de la Fuente, quen convida a artistas galegos e representantes do mundo da cultura en Estados Unidos a sumarse á celebración das Letras Galegas.
- Concurso de relatos Vai de letras, organizado pola Consellería do mar. Esta acción está dirixida ás mozas e mozos de entre 18 e 35 residentes en Galicia e para participar nela deberán completar este texto de inicio Queremos a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero… cunha proposta de non máis de 150 palabras. As bases poden consultarse aquí.
- Emisión de Cápsulas Solidarias. Xa abriu o día, organizado polo espazo universitario internacional LiberQuaré, Familias Mundi e a FUNDHESGA. Trátase da emisión seis vídeos nos que se convida á lectura de obras literarias galegas e se divulga o coñecemento do autor do ano 2020. As emisións levaranse a cabo entre o 11 e o 16 de maio, en horario de 12,30 a 12,45 horas, a través da páxina de Facebook de LiberQuaré.
Ademáis, coincidindo co 17 de maio, o Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), inundarán de novo as redes co cancelo #etiquetadosengalego, lema da campaña Valoremos o noso, dirixida tanto a empresariado como a consumidores e orientada a poñer en valor o produto etiquetado na nosa lingua e mais o seu consumo.