Mónica Bernández e Miguel Lima: «O galego fai barrio e o barrio fai galegofalantes»
[Esta entrevista foi publicada na reportaxe Á reconquista da lingua, da revista de Maio do 2019. Pincha aquí para volver ao artigo principal]
Barrio, ecoloxismo, feminismo e galego. Os catro piares nos que se sustenta a asociación sociocultural As da Industria. Unha agrupación que, mediante actividades de encontro e lecer, fomenta a igualdade, o encontro da veciñanza na rúa e o uso da lingua. Mónica Bernárdez e Miguel Lima son parte deste éxito.
Cal é o obxectivo da asociación sociocultural As da Industria?
Buscamos promover o encontro da xente nas rúas e traer actividade cultural en galego.
O galego non estaba a ser fomentado nos barrios?
O galego non estaba a ser fomentado na cidade, en xeral. As persoas que iniciamos a asociación vimos as crianzas, aínda que se lles falase en galego na casa, precisaban dun reforzo positivo.
A asociación fomenta o galego e o feminismo. Que resposta recibides a esta posición?
A asociación reúne tres cousas que son importantísimas neste momento: galego, feminismo e ecoloxismo. A acollida foi moi boa e recibimos moito apoio. Encontramos xente de fóra de Vigo que nos recoñece e que gusta do que facemos.
O galego fai barrio?
Desde logo. Ao chegarmos, de forma inconsciente, mudamos a propia fala.
Entón o barrio crea neofalantes?
Abofé. Gústanos falar de galegofalantes, independente de que a lingua che veña de nacemento ou non. Cremos que facer encontros de lecer nun contorno en galego é algo que anima á xente a falalo.
Que programación tedes para o 17 de maio?
Pola tarde teremos actuacións para as crianzas, un obradoiro de baile tradicional e pola noite, un concerto. Contaremos cun posto de libros de Andel, libraría que pechou recentemente.
Eva M. Porto
Últimos posts de Eva M. Porto (ver todos)
- Pablo Rodríguez: «En Madrid vendeuse máis en galego que en castelán» - 11 Maio, 2020
- Ana Fontenla: «Hai moita calidade na literatura galega, creo que é unha bomba que vai estoupar» - 11 Maio, 2020
- Mónica Bernández e Miguel Lima: «O galego fai barrio e o barrio fai galegofalantes» - 11 Maio, 2020
- Miss Toxo, 50% haterismo e 50% feminismo - 16 Maio, 2019
- Coruxo Móvese pola inclusión - 7 Maio, 2019