Íñigo Redondo: “Estaba convencido de que esta novela podía publicarse con certa dignidade”
Onte Íñigo Redondo estivo en Vigo presentando a súa primeira novela Todo esto existe. Considerado por boa parte da crítica como o escritor revelación do ano, charlamos con Redondo que nos dá as claves para aproximarnos a unha historia que transcorre na Ucrania poscomunista e na que un profesor secuestra a unha alumna, por petición dela.
Como acabou un arquitecto escribindo unha novela?
A pregunta sería máis ben como acabou un novelista estudando arquitectura. Recórdome desde sempre lendo, apuntando e subliñando. Logo pasei de escribir catro cousas que me suxería o que lía a comezar a compoñer algo en formato poético. De aí pasar ao relato foi algo normal, o que pasa é que mentres tanto estudei arquitectura, pero o tema de escribir estivo sempre.
Recibiches o non de moitas editoriais antes de que Penguin Random House te dixera que si, que te fixo persistir?
Eu son bastante pesado e dou a brasa (risas). No 2004 quedei finalista nun certame de xóvenes creadores de poesía, logo gañei un concurso cunha obra de teatro e cría que esta novela merecía unha mínima atención, cría que se podía publicar con certa dignidade. Eu non teño contactos no mundo editorial e o meu valor era a novela e o único que podía facer era enviala. De maneira que cada vez que me viña un mail plantillero de volta, sempre tiña a sensación de que non a leran. E pensaba que só facía falta que alguén a lera, non para convertela na novela do ano, nin escritor revelación nin nada diso pero simplemente para que aparecera nun catálogo dunha editorial. O que non imaxinaba era o que está ocurrindo agora.
Comentabas que fixeches teatro, unha das cousas que sorprende desta novela é que en certas partes os diálogos son moi fluídos case sen interrupción.
Si, os diálogos entre entre Alexei e Irina teñen chamado a atención. Escribín teatro no seu día porque me pareceu o formato adecuado para aquela historia e non sei se algo diso acabou filtrándose ata aquí. Si que acontece que os diálogos son un pouco marcianos porque son entre un señor na corentena e unha rapaza na adolescencia. Cando pos a falar a dúas persoas tan afastadas danse diálogos de sen sentido.
Por que decidiches ambientala en Kiev?
Esa é unha das decisións máis importantes da novela. Viaxei a Kiev no 2011, nese ano eu aínda percibín o saldo humano que tivo a caída do Comunismo. Ese momento no que un montón de xeracións abrazaron a utopía comunista e esa utopía derrúbase levando por diante todo é arrepiante. Salvando as distancias, pode parecerse ao que aconteceu aquí coa ditadura, Franco embalsamado xa no conxelador e nós seguíamos a xogar á ditadura, o que pasa é que alí emocionalmente é a inversa. Eles seguían xogando ao comunismo porque abrazaran o comunismo voluntariamente. Chegaran ata aí, era o seu logro. Ao caer ese logro lévase por diante á xente. Aquí era ao contrario, era algo do que había que librarse.
Pero esa viaxe a Kiev foi intencionado para escribir o libro, non si?
Si, fun a Kiev a tiro feito porque tiña claro onde ocorría a historia. Tiña algunhas intuicións do final da novela. Precisaba visitar o sitio para ver que condicións tiñan que darse á hora de montar esa historia que tiña intuído… visitar Kiev ten tantísima potencia: esas avenidas infinitas, ademais fun a finais de novembro para percibir o frío, a carencia de luz faise noite súper cedo, ver as condición de vida do lugar é poderosísimo.
Que farías ti ante un ‘por favor secuéstrame’?
A miña forma de construír as personaxes e poñerme no seu lugar, entón se a nena lle di a Alexei secuéstrame e el a secuestra cabe esperar que eu tamén o faría. Eu me comportaría en bastantes cousas, non en todas, como estes personaxes.
Introduces neste libro o difícil que é ás veces tomar certas decisión e o difícil que diferenciar entre o ben e o mal.
Un suceso como o que ocorre aquí, que é un delito porque se trata dun secuestro, aínda que sexa un secuestro voluntario está solicitado por unha nena de 16 anos que non sabe o que pide e que ademais está nunha situación límite… A miña tarefa era tomar a suficiente distancia para que un feito que aparentemente é totalmente negativo poida ser algo que polo menos comprendes.
A charla que deches onte levaba como título ‘Os límites da intimidade’, é un tema que tamén tratas na novela.
Toda esta historia é unha escusa para falar da intimidade, do que acontece detrás de cada ventá, tras a porta pechada do veciño que vive ao outro lado do corredor e pensas que é un asasino en serie. A través desta historia nos achegamos a como se constrúe esa intimidade, estes dous personaxes teñen que atopar o libro de instrucións para convivir nunha mesma vivenda. O lector vai vendo como van chegando os seus acordos, as súas claves, como de repente todo salta polos aires por un capricho e logo reconcílianse…
Na novela practicamente só hai dúas personaxes que teñen por tanto moitísimo forza. Como as construíches?
A novela que eu quería escribir non ía de personaxes, pero dalgún modo durante a propia construción da novela dinme conta de que a forma máis sensata de facer que alguén se poida aproximar as miñas elucubracións é creando personaxes ben debuxados para que poidas empatizar con eles. Os personaxes son unha escusa para comezar a viaxe. A forma de construílos é convivindo con eles, durante a redacción da novela os tes na cabeza e pensas que farían eles en cada situación que vas atopando no teu día a día.
Que farás agora, seguirás escribindo?
Non teño idea do que pasará… Xa teño os meus diagramas, eu constrúo a ficción e logo vou armando a historia, quizais pola miña faceta de arquitecto vou montando así a novela. Pero non sei ben onde acabará todo isto.
Pero vas pola carreira de novelista?
Do mesmo modo que me custaría deixar de escribir, custaríame deixar de facer proxectos, teño o meu socio no estudo e non me vexo fóra da arquitectura.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024