CAMELIAS MASCOTAS

A deputación inaugura mañá a súa nova sede en Vigo cunha gran festa

A nova Sede da Deputación de Pontevedra, situada no antigo Centro de Arte Fotográfica de Vigo (Eduardo Chao), abrirá as súas portas a partir de mañá ás 19.30 cunha festa do máis vangardista coa que queren reflectir o espírito do novo centro.

Esta mañá Carmela Silva exerceu de guía para os medios de comunicación da nova Sede da Deputación de Pontevedra. Un espazo, en palabras de Silva, “de acción e de dinamización cultural, social e empresarial”. O evento de inauguración queren que sexa unha gran festa que reflicta o espírito deste novo centro. “Será un acto cheo de luz, cor, música e danza. As actrices viguesas Jazmín Abuín e Deborah Vukusic serán as encargadas de conducilo”. Que sexan dúas mulleres viguesas non é casual, porque este novo espazo quere servir tamén para apoiar e visibilizar a labor das mulleres. De feito todas as salas levan o nome de mulleres que son referentes nas artes, na ciencia, na cultura… A sala principal chámase Rosalía de Castro e cun aforo de 250 persoas servirá para celebrar actividades tanto da propia Deputación como de outros colectivos da cidade que o soliciten.

A instalación a completan unha sala de exposicións, sita nos baixos do oficio que levará o nome de Maruja Mallo e que vai acompañada dunha sala de proxeccións, baixo o nome de Dorotea Bárcena. A primeira planta está dividida en catro salas: un espazo para o proxecto Smart Peme, unha sala de conferencias, un espazo para dar as roldas de prensa e un despacho de oficinas. A segunda planta tamén estará dedicada a despachos. Todos os colectivos da cidade poderán facer uso destas instalacións previa solicitude. O proceso estará aberto a partir do mes de marzo, tal e como explicou hoxe a Presidenta da Deputación, “trátase de revitalizar aínda máis o Casco Vello. De encher esta zona de actividade e que toda esa cidadanía activa teña un lugar no que facer ”

Ademais da festa de inauguración a Deputación inaugura a sede cun calendario repleto de actividades durante a próxima semana:

O luns, 3 de febreiro de 10 a 14 horas, terá lugar un showroom de SmartPeme no que se van presentar “todas as actividades que o servizo vai realizar en Vigo no 2020”, compañada dun vídeo resumo do programa e contando coa participación de 20 empresas usuarias. Tamén asistirá un grupo de alumnado dos centros de Formación Profesional de San Miguel e Daniel Castelao.

REVISTA NOVEMBRO

O martes, 4 de febreiro de 10 a 13.30 horas, terá lugar un obradoiro para o público infantil e de primaria denominado “O océano a través dos sentidos”. O obxectivo desta actividade, na que participarán un centenar de nenas e nenos da Escola Hernán Cortes e dos CEIP García Barbón e Ramón y Cajal, é “achegar o mundo mariño, concienciar sobre o respecto ao medio ambiente e a protección do mar e alertar do mal uso dos plásticos”, informou a presidenta.

O mércores, 5 de febreiro ás 19 horas, terá lugar o acto de entrega da IV edición dos Premios Sofía Novoa aos mellores Traballos de Fin de Grao e de Fin de Master que inclúen a perspectiva de xénero. Pola súa banda o xoves, 6 de febreiro de 19 a 21.30 horas, terá lugar o festival de música Talento feminino no que participarán grupos de mulleres para “amosar ás nenas que estudan en escolas de música que hai mulleres moi potentes, que hai referentes femininos neste ámbito”. A presidenta adiantou que “teremos, entre outros grupos, a Xoana e High Paw.

O venres, 7 de febreiro, ás 13 horas haberá unha sesión vermú, á que van ser convidados colectivos do Casco Vello de Vigo, coa posta en valor dos noso produtos nunha degustación que vai elaborar o CIFP Manuel Antonio.