Sube a costa de xaneiro
Bótase a andar un ano novo e, con el, milleiros de propósitos que cumprir. Un dos máis común adoita ser o de adiantarse á «operación bikini» mirando cara ao estío facendo máis deporte para baixar eses quilos de máis que arrastramos desde o Nadal ou mesmo de antes. Os ximnasios e demais centros deportivos son a mellor opción para o tal propósito, pero a variedade na oferta é tan grande que pode facer que nos perdamos antes de empezar. Deseguido deixamos tres opcións ben diferentes para empezar o ano poñéndonos en boa forma.
Brooklyn Fitboxing
Brooklyn Fitboxing | Rúa de Venezuela, 28 – baixo | 658 838 634 | brooklynfitboxing.com | Facebook: Brooklyn Fitboxing Vigo Centro | Instagram: @bf_vigocentro
Noutrora xa falamos da filosofía Hit4Change, a iniciativa coa que Brooklyn Fitboxing colabora con diferentes ONG, doándolles o 1 % da facturación. Desta volta ímonos centrar na súa particular metodoloxía de traballo. Ao longo de 47 minutos, nin máis nin menos, este centro deportivo propón un adestramento divertido que mestura exercicios cardiovasculares e de forza. Para iso bótase man dunha tecnoloxía patentada coa que os sacos de boxeo miden a intensidade dos golpes, obtendo así unha preparación personalizada e interactiva. Todo isto amenizado con música exclusiva e seguindo unhas rutinas denominadas #BFChallenges, que varían cada quincena.
«Este non é un ximnasio convencional», apunta Rosalía, xerente da sucursal viguesa desta cadea. «É máis ben unha comunidade na que nos baseamos no bo ambiente e no trato excepcional co cliente». De feito, coméntanos tamén que é habitual que os fitboxers saian a tomar café ou unhas cervexas xuntos tras os adestramentos, unha mostra dos fortes vínculos que se forxan no centro. […] Ao longo deses tres cuartos de hora e pico realízanse exercicios de alta intensidade con boxeo sen contacto, convertendo este método nun modo áxil e dinámico de perder peso e tonificar o corpo. Queres probalo? Aproveita o pack de iniciación, que inclúe unha primeira sesión, guantes e vendas por menos de dez euros. Súmate á #FightRutine e toma o control do corpo e da propia vida. […]
Stetic Lab
Stetic Lab | Rúa do Príncipe, 49, 1º esq. | 650 986 978 | steticlab.es | Facebook: steticlab | Instagram: @stetic_lab
Un pouco máis abaixo, nun acolledor primeiro andar da rúa do Príncipe, atopamos Stetic Lab, un centro que se especializa nunha combinación entre o adestramento e a estética, sumándolle outros servizos anexos: esteticista, ioga, maquillaxe para eventos ou a consulta dunha nutricionista. […] «Decidimos abrir este centro xa que, tras dúas décadas de experiencia no sector, o meu socio e mais eu fómonos dando conta das deficiencias que tiñan os ximnasios e os centros de estética neste aspecto», apunta Lili, unha das creadoras do proxecto. «Nós quixemos mesturar ambas as dúas cousas e ofrecer adestramentos individuais personalizados ou en grupos moi reducidos».
Stetic Lab non só concentra nun mesmo os servizos de estética e adestramento nun mesmo lugar, senón que realiza as dúas cousas en cada sesión, obtendo así resultados máis visibles. A metodoloxía parte sempre do exercicio físico que no inicio ou no remate da sesión se complementa con tratamentos de ultrasóns, radiofrecuencia, presoterapia, microcorrentes ou electroestimulación, que está a ser moi demandada, xa que a súa aplicación, algo pioneiro na cidade, que durante os exercicios aporta moitos máis beneficios ao corpo. Ademais de todos estes procesos, para combater problemas como a celulite, a flaccidez ou o sobrepeso, cómpre manter bos hábitos alimenticios, algo que poderemos conseguir coa axuda da coach nutricional Cristina Pousa, cun método que se arreda do típico das dietistas, propoñendo cambios que duren toda a vida. «Para nós é un piar básico xunto co exercicio e a estética; sen unha nutrición adecuada, non hai resultados nin rápidos nin duradeiros», engade Lili. […]
iFit Center
iFit Center | Estrada do Vao, s/n | 634 539 299 | ifitcenter.com | Facebook: iFitCentroPonte | Instagram: @ifit.centroponte | Twitter: iFitCentroPonte | YouTube: centro ponte vigo
Un pouco máis afastados do núcleo urbano, pola zona do Vao, temos iFit Center, un proxecto creado por Adrián e Joan hai oito anos. Coñecéronse traballando no Coruxo F. C., respectivamente como fisioterapeuta e preparador físico, e comentan que sempre estarán moi agradecidos á directiva do club polo apoio recibido á hora de iniciar este proxecto que os mantén vinculados á parroquia deste equipo de fútbol. […] Poden dicir con orgullo que entre os seus clientes hai «máis de dez participacións olímpicas, polo que a esixencia é máxima», comenta Joan. «Ter tanta experiencia con deportistas de tan alto nivel fai que teñas que afinar moitísimo cos tipos de adestramentos e adaptarte para poder dar ese servizo de calidade a calquera persoa; creo que ese é o noso punto diferencial», sentencia.
Por outra banda, non se esquecen do trato persoal, algo indispensable á hora de adestrar correctamente: «somos un centro familiar no que sempre reina o bo ambiente e os nosos usuarios poden traballar tranquilamente e a gusto, sen masificacións». A maiores do exercicio, o centro caracterízase tamén polo seus servizos de fisioterapia. «Fundamos iFit coa idea de combinar fisioterapia e adestramento, cun enfoque interdisciplinar, para ofrecer o mellor servizo posible. […] Estamos afeitos a tratar tanto con deportistas de diferentes niveis como con xente da rúa con dor de costas, que segue a ser a doenza máis común ».
Non podemos pasar por alto a estreita colaboración coa Fundación Isidre Esteve, coñecida polo labor de inclusión no mundo deportivo de persoas con discapacidade: «somos os responsables de crear os adestramentos e as liñas xerais de todos os centros da fundación; funcionamos como un laboratorio». […]
Pablo Vázquez
[Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de xaneiro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024