Sprint final de carreiras antes de rematar o ano
Comeza a recta final do ano, un periodo no que abundan as carreiras populares, moitas delas con fins benéficos. Case unha decena de carreiras para acabar o ano en plena forma.
A marcha Aspanaex convócase todos os anos o 1º domingo de outubro, que esta vez cae a día 6. É unha camiñada de 9 quilómetros polas rúas da cidade de Vigo. A súa finalidade é concienciar sobre os dereitos das persoas con Discapacidade Intelectual e solicitar unha axuda económica para manter e crear novos servizos da Asociación.
A sostenibilidade foi desde o inicio un dos eixos do Desafío Bootcamp, que este ano implementa novas medidas para converterse nun evento respectuoso co medio ambiente e que cree conciencias. A carreira terá lugar en Samil, tamén o domingo 6 de outubro, e agarda bater o número de participantes e público. As probas elite e popular constarán de 7 quilómetros de percorrido e entre 33 e 35 obstáculos. Mentres que os rapaces entre 4 e 11 anos terán que completar 1000 metros de percorrido e oito obstáculos na Bootcamp Kids.
A Mancomunidade de Montes de Vigo organiza a VI Trail Montes de Vigo e a II Andaina pola Rexeneración dos montes de Vigo para o domingo 13 de outubro, coincidindo co 2º aniversario da catástrofe incendiaria vivida en cinco das trece comunidades de montes de Vigo. Búscase con esta xornada deportiva mobilizar tanto aos corredores e corredoras de trail como aqueles cidadáns e cidadás que queiran achegarse ao monte para realizar exercicio físico.
‘Vigo contra el cáncer’ conseguiu recadar na pasada campaña 61.884,57 euros e a súa actividade principal é unha carreira solidaria que este ano xa vai facer a súa sétima edición e datarase o domingo 20 de outubro en Coia, co que se espera recadar unha gran cantidade para á investigación contra o cancro de pulmón, considerado a principal causa de morte por cancro en España.
Tras a gran acollida do pasado ano, a Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple chega á súa sétima edición o 27 de outubro. Nesta ocasión, a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple busca a participación de 2.000 persoas repetindo a fórmula de 2018: dúas carreiras de 5 e 10 quilómetros e unha “andaina” de cinco quilómetros. Tamén se habilitou un ‘Dorsal 0’ para todas as persoas que,sen participar na carreira, queiran colaborar coa causa.
O cambio máis importante de ‘La 21’, a Media Maratón de Vigo, que terá lugar o 17 de novembro, é a modificación do percorrido, que se muda a avenidas máis anchas e agradables de percorrer, con moitos quilómetros seguindo a liña de costa. O punto de saída estará situado en O Vao e a meta na Alameda, polo que se trata dun único itinerario lineal (non circular) que só haberá que percorrer unha vez. Alén dos 21 km que corresponden á media maratón, poderá optarse por percorrer só 10 km ou por realizar os 21 por relevos, en equipos de dous ou catro corredores.
E como sempre, nada mellor para despedir o ano que coa San Silvestre, a carreira popular máis festeira da cidade. A saída será na Praza de Compostela ás 17:00 do día 31, e a distancia é só de 4 kms, que se poderán facer ao ritmo que cada un considere oportuno. O percorrido promete ser o mesmo que o doutros anos, pasando por Montero Ríos, a Praza do Berbés, o Casco Vello ou García Barbón, para rematar no mesmo sitio no que comezou.