Xa á venda as entradas para o Vibra Mahou Fest
O Vibra Mahou Fest debuta por todo o alto o 26 de outubro no auditorio Mar de Vigo cun cartel formado por artistas como Zahara, Carlos Sadness, Xoel López ou Novedades Carminha. A xornada dividirase na sesión matutina, formada por bandas galegas, e nocturna, que rematará con Sidonie DJ set.
Xa non é necesario agardar polo próximo verán para gozar de grandes festivais. O Vibra Mahou Fest chega con forza ao Mar de Vigo o próximo sábado 26 de outubro, un evento que destaca pola calidade do seu cartel e pola división en sesións de mañá e tarde. As entradas xa están dispoñibles nesta ligazón, por 25€ a xornada completa ou desde 12€ se só queres asisitir a unha das quendas.
Pola mañá poderemos gozar de catro representantes do pop rock galego, cada un co seu estilo particular. Villanueva será un deles, que de seguro adiantará algún dos temas que sairán en Cuarto de Invitados, o seu novo traballo que verá a luz o 15 de novembro. O dúo coruñés Escuchando Elefantes, que xa actuaron en La Iguana o pasado mes de marzo, tamén darán boa mostra do seu poderío en directo. A banda local Eladio y los Seres Queridos, que veñen de sacar un adianto do que será o seu novo disco, reaparecen despois dun tempo sen pisar os escenarios vigueses. Por último, a guinda a poñerá Xoel López, ao que xa puidemos ver o pasado novembro no propio auditorio e este verán en Castrelos.
O serán comezará coa música electrónica e vangardista da coruñesa Allova, que dará paso a Zahara, un dos grandes nomes do pasado PortAmérica. A madrileña repasará os seus grandes éxitos, así como as novas cancións que conforman Astronauta, un dos grandes discos de indie do pasado ano. A festa continúa cos ritmos tropicais de Carlos Sadness, outro dos grandes reclamos do festival de Caldas de Reis. Para rematar a festa, os galegos Novedades Carminha poñerán o auditorio patas arriba cos seus himnos festivaleiros e pecharán a noite os membros de Sidonie na súa vertente DJ.
Ademais, tamén haberá unha Zona de Talleres, na que os asistentes poderán poñerse en mans dunha experta en body paint ou facerse a súa propia camiseta, entre outras actividades de lecer; e unha Zona Gastro con foodtrucks nas que degustar sabores de diferentes lugares do mundo. Por último, no contexto de Vibra Mahou Fest, celebrarase a final da batalla de bandas Mahou-Estudios Mans, na que participarán os grupos seleccionados polo xurado nas dúas roldas previas que se celebraron durante o verán no Atlantic Fest e o Festival da Luz. Esta iniciativa, forma parte da colaboración entre Mahou e a Fundación Paideia para impulsar o talento emerxente e o emprendemento.