Toda a programación do Centro de Documentación Feminista ata decembro
Este xoves comezan as actividades programadas de setembro a decembro no Centro de Documentación e Recursos Feministas, situado no segundo andar da biblioteca pública Juan Compañel. Faladoiros, presentacións de libros, obradoiros e cafés literarios conforman a programación destes meses.
O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, dependente da Concellería de Igualdade, é un servizo de xestión de información, documentación e materiais de traballo sobre muller, xénero e igualdade dirixido ao público en xeral ou a persoal especializado. Este centro recolle a documentación recompilada pola extinta asociación “GECM- Alecrín” desde os anos 80 e o fondo documental xerado pola Concellería de Igualdade.
Este xoves, ás 19:00, terá lugar a primeira actividade, que será a presentación do libro Mujeres matemáticas. Trece matemáticas, trece espejos, coordinado por Marta Macho Stadler. Tamén estarán presentes as coautoras Amelia Verdejo, Carmen Quinteiro, Mª Xosé Souto e Miguel Mirás. Seguindo coas presentacións, o martes 22 será a de Sándalo, de María Xosé Porteiro. Continuarán o 5 de novembro con El encaje roto: antología de cuentos de violencia contra las mujeres de Emilia Pardo Bazán, con prólogo e edición de Cristina Patiño Eirín. Por último, o 10 de decembro, pechará o ciclo de presentacións Olimpia Valencia: Ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera, de Ana Fuentes Crego e publicado polo Instituto de Estudos Vigueses.
Pasando aos faladoiros, o primeiro será o 1 de outubro con Prostitución e outros enganos! Radiografía dos puteros (ou da demanda), de Silvia Pérez Freire. O 15 de outubro será a quenda de María Xesús Fariña Busto con Mulleres escritoras. Mulleres, amor e liberdade na literatura. Case un mes despois, o 12 de decembro, Ana Garrido debatirá sobre As viúvas de vivos na cultura e literatura galega como representación da ausencia e da nación e como toma de consciencia e empoderamento. Por último, o martes 3 de decembro, presentaranse e falarase sobre as curtametraxes O corpo das mulleres e Rachando tabús de Andreia Costas.
A maiores destes eventos, haberá un laboratorio de lectura e escritura todos os xoves desde o 10 de outubro ata o 28 de novembro; un espazo de traballo permanente Wikimulleres, todos o lunes e mércores; e os Cafés Literarios, nos que se falará en torno ás obras Cuentos de mujeres solas (25/9), Tú no eres como las otras madres (30/10) e Matar a un ruiseñor (27/11).