VIALIA
bannerPicnicSesions

Coloquios e obradoiros no Centro de Documentación e Recursos Feministas ata abril

No Centro de Documentación e Recursos Feministas teñen preparada unha serie de actividades como obradoiros, faladoiros e presentacións de libros ata o mes de abril. Todas serán de balde, mais algunhas precisan inscrición previa.

O Centro de Documentación e Recursos Feministas é un servizo de xestión de información, documentación e materiais de traballo sobre muller, xénero e igualdade dirixido ao público en xeral ou a persoal especializado e interesado nas citadas temáticas. Ofrecen servizos de asesoramento documental, actividades de extensión cultural, consulta en sala, préstamo a domicilio…

Comezando polas presentacións de libros, o pasado mércores 13 de febreiro estivo Inma López Silva coa súa obra Chámame señora pero trátame coma a un señor, un ensaio autobiográfico onde se condena o machismo do sector cultural galego. O xoves 14 de marzo será a quenda de Cristina López Villar co seu Pioneiras do deporte en Galicia, un libro que recolle as primeiras incursións das mulleres galegas no deporte, un traballo que a súa autora tivo que iniciar case como “arqueóloga” para dar visibilidade a esas deportistas que merecían un recoñecemento social. Por último, o 23 de abril presentarase Novas masculinidades. O feminismo a (de)construir o homen de Jorge García Marín.

REVISTA ABRIL

No relativo aos faladoiros, o 20 de febreiro Mª Xesús Lama López impartirá un sobre Rosalía de Castro: novas cartografías da liberdade. Un mes despois, o 20 de marzo, falarase sobre As mulleres no xornalismo por parte da Asociación de Xornalistas Galegas, unha agrupación nada en 2018 co obxectivo de impulsar un xornalismo feminista que se vexa reflectido tanto na información que elaboran as mulleres desta profesión, como nas condicións nas que a levan a cabo. O último coloquio será impartido o 10 de abril pola directora Xisela Franco, e levará por título En primeira persoa. Cinema artístico galego feito por mulleres.

O último mércores de cada mes de 18:00 a 20:00 tamén haberá os coñecidos como Cafés Literarios. O 27 de febreiro Llerena Perozo exercerá de relatora co libro 22 segundos de Eva Mejuto. O 27 de marzo María Lado fará o propio con Las sillitas rojas de Edna O’Brien. Para finalizar este club de lectura, Sostiene Pereira de Antonio Tabucchi será contado por María Carrazoni o 24 de abril.

En canto os obradoiros, o 26 de febreiro haberá un de Iniciación á edición en Wikipedia, impartido por Montserrat Boix. Desta forma, todos os luns laborables de 10:30 a 12:30 haberá un espazo permanente de traballo Wikimulleres, co que se pretende editar a información e sumar o número de mulleres na famosa enciclopedia dixital. O luns 25 de febreiro tamén haberá un curso de formación a usuarias na busca de información.