‘Fiesta mayor’ en Castrelos
Unha verdadeira festa foi a que vivimos onte cos concertos de Furious Monkey House, Xoel López e Vetusta Morla. Os tres grupos viñeron dispostos a facernos gozar e Castrelos respondeu saltando, bailando e cantando contaxiado pola enerxía que alí se respiraba. (Fotos: Pablo V.)
A banda pontevedresa Furious Monkey House foi a encargada de inaugurar a tarde-noite de concertos en Castrelos. Tiñan a difícil tarefa de pór os primeiros acordes dun dos espectáculos máis esperados deste verán en Vigo. Pese a súa curta idade, os Furious non defraudaron e subiron ao escenario para dalo todo e convencer ao público de que o seu non é un xogo de nenos. Son unha banda de presente pero que, sen dúbida, ten un futuro de éxito asegurado de seguir nesta liña. Os cinco rapaces estiveron acompañados no escenario por dous monos, o seu profesor como xa é habitual, e un músico de apoio. Aproveitaron a súa actuación en Vigo para presentar algúns dos temas que compoñen o seu novo traballo.
Pasaban das nove da noite cando Xoel López e a súa banda subían ao escenario de Castrelos. Aínda lucía o sol na finca da marquesa e o artista coruñés arrancaba o concerto cun “Boas noites” ao son de Jaguar, primeiro single do seu último traballo Sueños y Pan. Se ben entraron sen facer demasiado ruído, non lles levou moito temo facerse co público de Castrelos que acabaría totalmente entregado ao espectáculo.
Xoel López é probablemente un dos artistas galegos que ten feito unha evolución máis sólida nos últimos tempos. Aínda que Vigo non é a súa cidade natal, onte Xoel xogaba en casa e se lle notaba. Sobre o escenario o vimos a gozar como nunca antes. Encheu de enerxía o auditorio con esa mestura de sons, algúns deles traídos do seu paso por Latinoamérica. Aínda que pouco queda do Xoel de Deluxe, un dos momentos álxidos do concerto chegou coa interpretación do mítico Que no acompañado coa guuitarra de Juande (ex-Deluxe). Moitos dos alí congregados rememomarían aquel concerto de 2005 no que Deluxe telenoaba nese mesmo escenario a The Prodigy.
Case ao final do concerto sorprendía ao público convidando a todos os compoñenentes de Vetusta Morla a subir ao escenario para facer unha interpretación canto menos divertida de El amor valiente. Xoel conseguiu meterse no peto ao público vigués e demostrar que está a altura dos grandes para ofrecer un concerto nun escenario como o de Castrelos.
O reloxo ía camiño das once, cando un auditorio, probablemente cheo como nunca antes este verán, recibiu a Vetusta Morla. A banda madrileña está a vivir un dos momentos máis doces da súa carreira e onte quedou patente ante os miles de vigueses que se congregaron para velos e que marcharon para casa coa adrenalina aínda polas nubes.
Vetusta Morla viña coa clara intención de facer gozar ao público co seu espectáculo e o conseguiu desde o minuto cero. Arrancou o concerto interpretando en orden as tres cancións coas que comeza o seu último traballo: Deseame suerte, El discurso del Rey e Palmeras en La Mancha. Un elocuente Pucho aproveitou pequenos espazos entre cancións para enviar varias mensaxes. A primeira foi apelar ao amor. O seu discurso serviu para preceder un dos poucos momentos pausados da noite, e tamén un dos máis máxicos, ao son de Maldita dulzura la tuya, que todo Castrelos coreou.
Os Vetusta tampouco quixeron desaproveitar a ocasión de convidar a Xoel cantar con eles. O fixeron para interpretar o himno por antonomasia da banda, ese Copenhague que tan bos momentos lles ten regalado. Tras unha bonita posta en escena con 23 de junio, un dos seus últimos temas, o concerto colleu un ritmo frenético do que xa non poderiamos escapar. Un Pucho totalmente entregado, saltou entre o público que desconcertado, intentaba buscar onde estaba o cantante, que corría dun lado para outro sen por iso deixar de entoar a letra de Mapas. O líder da banda alcanzou o foso que delimita a zona de pago das gradas por onde correu facendo equilibrismos poñéndonos a todos en vilo ao tempo que axitaba ao numeroso público congregado nas gradas do auditorio. Encaraba así a recta final do concerto. A éxtase disparouse en Castrelos ao son de Sálvese quien pueda, Valiente, Te lo digo a ti e Fiesta mayor.
Tras unha breve saída volveron aparecer en escena e Pucho aproveitou o momento para convidar a todos os presentes a ir aos concertos en salas. Porque sen os pequenos concertos, as bandas nunca poderían dar un gran show como o que vivimos onte a noite.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024