CAMELIAS MASCOTAS

The Wild Fest, o festival sustentable que debuta este venres

O venres 28 comeza The Wild Fest, un ambicioso festival sustentable que terá lugar no parque forestal de San Miguel de Oia durante toda a fin de semana. O evento contará con todo tipo de actividades: obradoiros para crianzas, concertos, DJ, cine, carreiras, faladoiros, exposicións, gastronomía, flashmob… e sempre coa sustentabilidade como bandeira.

Cartel con toda a programación do festival

Esta fin de semana terá lugar o primeiro festival local do verán, The Wild Fest, que ademais debuta por todo o alto cunha programación de tres días do máis variada. O espazo escollido para a primeira edición deste evento sustentable é o merendeiro do parque forestal de San Miguel de Oia. A entrada a gran parte das actividades será de balde, máis hai outras ás que só se pode acceder co abono (25€/30€) ou coas entradas individuais de día (15€/18€).

O festival comezará o venres 28 de xuño arredor das 18:00, onde os e as participantes da Wild Race poderán recoller as súas acreditacións e as crianzas terán unha serie de actividades da man de Magia en la manga, Nayeli Topanga, Miguel Ángel Alonso Diz e a Asociación Educativa Animales del Mundo. Tras a mostra de obras artesás no Wild Art, chegará a primeira parte de pago do festival co Wild Cinema, unha selección de filmes coa natureza e a aventura como protagonistas. Á medianoite será a quenda da festa temática dos 80s, cunha concentración de Michael Jacksons e Madonnas. Para rematar a xornada, sarao de animación con Cristián de Samil cun flashmob de Thriller, concerto de La Banda de Mazinger e sesión disco 80 con DJ Charlie.

REVISTA NOVEMBRO

Pasamos ao sábado, que comezará ben cedo con Wild Art de novo e a Wild Race, unha auténtica carreira salvaxe a través do parque forestal que contará con obstáculos, trail e probas adaptadas doutras disciplinas como crossfit, strongman e paleotraining. Acto seguido abrirase a Wild Expo, un espazo para que as empresas sustentables mostren o seu traballo ao público asistente, e o Wild Gastro, onde poderás repoñerte a base de comida orgánica e de produción local, con recipientes realizados con materiaiss biodegradables e reciclables. Ao mediodía, sesión vermú coa Polémica Banda dos Bechuchos, tras a que haberá unhas horas para descansar e coller forzas para o resto da xornada.

Pola tarde, antes da longa noite de concertos e música, volverán os obradoiros para nenas e nenos e haberá uns faladoiros coas empresas participantes no Wild Expo, amenizados pola música do Combo Rainbow. Sobre as 21:00 darán comezo os concertos, que serán nin máis nin menos que cinco: The Broke, La Chata Soul, Dreams of the Dolly Sheep, as poderosas Agorpahobia e unha das bandas referencia da cidade, The Soul Jacket. Os concertos serán a única actividade de pago do sábado.

A xornada completa do domingo será de balde e contará cunha gran cantidade de actividades: chikung e meditación, obradoiros, andaina solidaria contra a leucemia, faladoiros, sesión vermú con Mad Martin Trío, concertos de TNT Band e Rockschool e a gala de clausura ás 20:00.

(GMT+01:00) Parque Forestal de San Miguel de Oia