La Raíz e Terbutalina primeiras confirmacións do Son Rías Baixas
O Festival Son Rías Baixas, que se celebrará entre o 2 e o 4 de agosto en Bueu, vén de anunciar as dúas primeiras confirmacións do seu cartel: La Raíz e Terbutalina. Dúas propostas combativas que definen ben a esencia do festival do Morrazo.
A actuación de La Raíz será a a única cita en Galicia da big band valenciana, dentro da súa xira de despedida que, irónicamente, leva por nome ‘Nos volveremos a ver’. Pola súa banda o grupo de garaje punk galego Terbutalina presentará no festival o seu útimo traballo, ‘A casa da Tolemia’, co que queren dar un cambio de rumbo ao proxecto. As entradas para asistir ao festival xa están a venda a un prezo especial e limitado de 25 euros máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.
La Raíz, considerada a número un da escena mestiza e comprometida do Estado español, chegará a Bueu para facer vibrar a todos os festivaleiros e festivaleiras co seu directo único e arrollador que transcende estilos e etiquetas. Rock, ska, hip hop, ventos, distorsión, letras comprometidas e melodías vocais caracterizan un tremendo e exitoso directo que fará ao público berrar, máis alto ca nunca, o lema da banda: “¡guerra al silencio!”.
Terbutalina, os enfants terribles do garage punk galego, abren nova etapa este 2018 con A Casa da Tolemia, un novo proxecto e un cambio radical de formación que presentarán en Bueu. Os Terbutalina chegan, por fin, ao SonRías Baixas, despois de encher salas e festivais de toda a península, de conseguir colgar o cartel de sold out na maioría de salas do país e de conquistar o premio ao Mellor Álbum en Galego de 2014 nos Premios da Música Independente e o premio María Casares 2017 á Mellor Música Orixinal coa súa colaboración coa compañía teatral Chévere na obra Eroski Paraíso.