Víctor Cabezuelo (Rufus T. Firefly): “Non nos gusta repetirnos, nin musical nin visualmente”
Quen escoite por primeira vez á banda arracetana Rufus T. Firefly verase envolto nunha atmosfera densa e absorbente de guitarras, teclados e baterías dun inusual protagonismo. Este sábado 23 de marzo visitan a Fábrica de Chocolate para despedir os seus dous últimos traballos, Magnolia (2017) e Loto (2018), os dous máis importantes da súa traxectoria según Victor Cabezuelo, fundador e cantante da banda. Falamos con el sobre o pasado, presente e futuro dunha das bandas máis persoais do panorama nacional. Podes mercar aquí as entradas para o concerto.
O ano pasado participastes no programa La Residencia de Radio 3 nos Estudos Mans da Coruña con Viva Suecia. Que tal a experiencia?
Pois a verdade é que foi incrible, non sabiamos moi ben o que sairía de alí. Ademais non levamos absolutamente nada preparado, para que xurdise todo alí. Ao principio viñémonos arriba e pensabamos que fariamos 4 ou 5 cancións, pero despois vimos que non era tan doado (risos). É estraño compoñer con xente coa que non estás acostumado a facelo, pero logo chegas a sitios moi interesantes e diferentes. Foi un gustazo poder facer iso.
Con que banda vos gustaría encerrarvos nun estudo para compoñer xuntos?
O que aprendín disto é que calquera banda sorprenderíache facendo isto. Gústanos a idea de non ter ningún prexuízo con ningunha banda, cada unha ten a súa maneira de facer as cousas. Sería bonito poder facelo con calquera, incluso canto máis diferentes a nós mellor.
Botando a vista atrás, como decidides pasar do inglés ao castelán ao redor do 2010?
Era algo natural. Escollemos o inglés polo tipo de música que sempre escoitabamos, polas nosas referencias. Pero en realidade a nosa lingua é o castelán, é coa que nos expresamos e coa que pensamos e o seu era facelo en castelán.
Crees que o ano 2014, coa saída de Nueve e a xira con Vetusta Morla, foi un punto de inflexión para a banda?
Eu creo que si, aínda que realmente o punto de inflexión gordo chegou con Magnolia. Cando sacamos Nueve comezaron a pasar cousas moi bonitas, sobre todo foi clave o que comentas de Vetusta Morla. Foi un acto moi xeneroso pola súa parte, non nos coñeciamos de nada. Quedamos bastante flipados cando nos chegou a súa mensaxe. A partir de aí comezounos a coñecer moita xente e comezouse a falar de nós. Axudáronnos moitísimo e é algo que sempre teremos presente.
Non sei se tedes a sensación de que en ocasións póidasevos considerar como unha banda emerxente ou relativamente nova cando en realidade levades 13 anos xa.
Si, sempre seremos o grupo que vai estar toda a vida emerxendo, tocounos ese papel (risos). Pero ao final esas cousas son máis periodísticas que reais. Nós temos a sensación de levar xa moitos discos que non pertencerían a unha banda emerxente, pero si que é verdade que algúns deles aínda non chegaron á xente e por iso pensan que acabamos de comezar. Pero é algo que non nos importa moito, estamos moi felices por ter esta repercusión con Magnolia e Loto, polo que calquera cousa que digan estará ben.
Os títulos das vosas cancións están repletos de referencias a series, películas ou videoxogos, como poden ser Pulp Fiction, Cisne Negro, San Junipero, Final Fantasy, El Halcón Milenario, Demogorgon… Mesmo o voso nome vén dunha personaxe dos Irmáns Marx. O audiovisual é a vosa principal fonte de inspiración?
Non é a principal, pero é unha das importantes. Digamos que nos gusta deixar claro nas cancións de onde veñen as referencias. As veces, como no caso de Pulp Fiction, quédase nunha anécdota dunha frase, pero é verdade que do que falabamos antes de facer a canción e todo o que estaba na nosa cabeza parte de aí. Gústanos non ocultar as referencias, nin sequera musicais. Somos de ir de cara nese sentido. Creo que todos os grupos as teñen, o que pasa é que algúns as din e outros non.
Xa que sacas o tema, como definirías o son da banda? Cales son as túas principais influencias?
O son da banda foi cambiando cos anos. Ao principio eramos un grupo de post-rock, estilo The Smashing Pumpkins. Agora mesmo, con Magnolia e Loto, chegamos a un punto no que nos apetecía mesturar unha sonoridade na base rítmica de grupos dos 60 e 70, como Led Zeppelin ou Pink Floyd, con sintentizadores e electrónica máis moderna. Cancións como Magnolia tiran máis ao vintage, mentres que outras como Cisne Negro tiran máis á electrónica e a sons máis actuais. Hai unha cousa moi importante no son dos dous últimos discos e é que a batería está situada nun plano diante da voz. Queriamos darlle un protagonismo á batería de Julia [Martín-Maestro] como se fose un cantante. Pareceunos bonito aínda que moita xente non se decatase. Fai que cambie moito a sonoridade da canción e o que transmite.
As portadas dos vosos traballos, especialmente nos últimos anos, seguen unha estética moi marcada. É a liña para seguir no futuro?
Seguimos esta liña inconcreta porque queriamos tirar do psicodélico e do abstracto. Eu quero que os seguintes discos tamén os faga Julia porque creo que fixo un traballo incrible, pero a decisión depende dela. Pero é verdade que os seguintes traballos serán outra cousa, porque non nos gusta repetirnos, nin musical nin visualmente.
Estades a preparar novo material agora mesmo?
Agora mesmo non. Ata que non rematemos de xirar en abril non nos centraremos en nada novo. Gústanos pechar unha etapa antes de iniciar a seguinte. En canto rematemos teño moitas ganas de poñerme a facer cancións novas e a ver que sae, pero serán diferentes seguro.
Vimos no teu Instagram un vídeo cantando con Iván Ferreiro, no que recoñecías que eras moi fan. Hai algún outro grupo ou artista galego que chame especialmente a túa atención?
Somos moi amigos de Igloo, por exemplo. Eu son moi fan dun grupo que fai tempo que non tocan e que creo que están a preparar algo novo, que se chama Holywater, é un dos meus grupos favoritos. Cando os vin en directo quedeime tolo, non sabía que se podía tocar así. Gústanme Novedades Carminha tamén. Facedes moi boa música por aí.
Ademais de en Rufus tamén podemos verte tocando en directo con Mucho, aínda que comentabas que non puideras participar no seu último disco por falta de tempo. Como consegues organizarte?
Agora mesmo estoume a organizar mal. Martí [Perarnau, de Mucho] xa comezou a facer concertos e eu aínda non toquei en ningún. Digamos que agora estoulle a dar toda a prioridade a Rufus, porque é un proxecto que medrou e que precisa de todo o meu tempo. O que fago agora é intentar compaxinalo con producións de discos doutros grupos. En canto remate a xira seguramente poidamos retomar a banda de Mucho e incluso pode que toque con alguén máis, pero agora mesmo o teño complicado.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024