REVISTA ABRIL

Víctor Cabezuelo (Rufus T. Firefly): “Son o contrario a un ‘frontman'”

En 2006 daba os seus primeiros pasos unha banda de Aranjuez con nome de personaxe cinematográfico. ‘Disarm’, de The Smashing Pumpinks, foi o catalizador para que Víctor Cabezuelo e Julia Martín-Maestro creasen Rufus T. Firefly, un grupo en constante evolución que o próximo sábado 23 de abril actuará no FIV de Vilalba xunto con outros grandes artistas do panorama estatal. Tras facer o propio en 2019, falamos de novo con Víctor, vocalista, teclista e guitarrista da agrupación.

Víctor Cabezuelo nun concerto con Rufus T. Firefly no Vive Nigrán, en 2020 | P. Vázquez

Cada disco de Rufus T. Firefly aporta unha nova capa musical á súa traxectoria. O EP La historia secreta de nuestra obsolescencia programada supuxo o cambio do inglés ao castelán; con Nueve xiraron xunto a Vetusta Morla e alcanzaron novos públicos e con Magnolia e Loto conseguiron un son único e o respecto de público e crítica. Agora, co recén publicado El largo mañana, buscan novos camiños a través do neo-soul e otórganlle moito protagonismo aos teclados e sintetizadores. Con todo, as guitarras seguen moi presentes: “Neste disco hai máis guitarras que en Magnolia, pero están nun plano posterior. En todas as cancións utilizamos un aparello setenteiro chamado string machine que emula os intrumentos de corda, e tamén quixemos darlle moita importancia ao apartado percusivo. Polo tanto, se poñiamos as guitarras demasiado altas taparían todo isto”, explica con elocuencia Víctor.

REVISTA ABRIL

A última vez que falamos con el, comentábanos que en Magnolia e Loto as baterías de Julia tiñan máis presencia que a súa propia voz. Neste caso, malia que as baquetas continúan a ter unha enorme importancia (Julia é unha batería espectacular), a voz gañou peso. Máis ben as voces, pois para este disco incoporaron ás teclas e coros a Marta Brandariz: “Ao estar ela fai que a miña voz soe doutra maneira, e grazas a iso atrevinme a subila un pouco máis. Este é o disco de Rufus no que as voces están máis altas“, comenta. O disco ten cadencia soul, un xénero caracterizado polo talento dos cantantes: “Neste caso non pasaba”, comenta con humor Víctor, “pero a voz debe ser moi importante e non a podes agochar demasiado”. Das súas palabras despréndese unha certa timidez, algo curioso pois leva máis de 15 anos cantando diante de milleiros de persoas: “Considero a miña voz como un engadido máis. Son consciente de que xeneralmente non é así, e que a voz ten unha importancia maior que a música. A min gústame vela como un instrumento máis. Eu preciso estar sempre mirando a Julia mentres toco, por iso nos concertos me sitúo de lado nun lateral do escenario por detrás dela. Iso é o contrario a un frontman, pero eu non son nada diso. Son unha persoa que compón cancións e que no seu día decidimos que sería eu quen as cantase”, xustifica.

A fe da banda no seu novo disco é total. Tanto, que nesta xiran están a tocalo de maneira íntegra en cada concerto, mesmo incluíndo cancións que só están na edición física. Unha práctica pouco habitual que o músico non entende por que non acontece máis: “Se é no que levas traballando nos últimos anos, non sei por que non vas tocalo enteiro. O disco reflexa o teu momento actual como músico e como persoa, e creo que o honesto é facer isto. Hai xente que se amola cando tocas unha canción nova no lugar dunha antiga, pero hai que respectar o que artista quere facer en cada momento. O artista precisa sentirse vivo para poder expresarse, se non convítese nun muestrario de cancións un tanto extraño”, apostila Cabezuelo, quen resume todo isto da seguinte maneira: “Do que me decatei é que co que máis desfruta a xente é con xente que está a desfrutar no escenario. Téñoo clarísimo”.

Alén da súa faceta como músico, Víctor é unha persoa moi activa en redes sociais, onde con frencuencia escribe sobre temas moi interesantes relacionados coa industria musical: “Ás veces penso que caio moi mal a certa xente por dicir estas cousas”, di con retranca. “Eu sempre intento que a xente sexa consciente de certos aspectos que pasan no mundo da música, porque moitos se asumen ou se descoñecen”. Refírese, por exemplo, aos escasos cartos que reciben as bandas por parte de Spotify ou aos contratos que asinan as bandas con editoriais ou discográficas. “Non estou en contra de ninguén. Sempre trato de defender aos artistas e explicar as carencias deste oficio e de como está tratado na sociedade”, finaliza. Por último, e repetindo a pregunta que lle fixemos hai tres anos, quixemos saber os seus artistas galegos favoritos dos últimos anos: “Encántanme Grande Amore e Baiuca. O primeiro ten unhas letras incribles que conectan cunha chea de xente, e o segundo abráiame como o fai, como soubo integrar a fusión de xéneros. Encantaríame colaborar con el, se o ves por aí dillo”, engade entre risos. A pelota está no teu tellado, Baiuca.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.